A CIG reivindicará este 10 de Marzo políticas urxentes contra a precariedade e a desigualdade

A central ten convocadas 14 mobilizacións para exixir na Galiza, traballo digno, pobo con dereitos
Nacional - 03 Mar 2025

A CIG fai un chamado a converter este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, nunha xornada de mobilización contra a precariedade e a desigualdade, para reivindicar traballo digno e sermos na Galiza un pobo con dereitos. Aínda que o sindicato nacionalista ten convocadas un total de 14 mobilizacións, os actos centrais do día terán lugar en Ferrol, coa tradicional ofrenda floral ao pé do monumento 10 de Marzo, ás 11:30 horas, e cunha manifestación que sairá ás 20:00 horas do local sindical e rematará no Cantón.

MOBILIZACIÓNS DA CIG NESTE 10 DE MARZO
  • Ferrol (actos centrais): ás 11:30h, ofrenda floral no Monumento ao 10 de marzo. Ás 20h, manifestación con saída do local da CIG en Esteiro.
  • A Coruña: ás 20h, manifestación dende Praza de Vigo.
  • As Pontes: ás 20h, concentración, na Praza de América.
  • Carballo: ás 19h, concentración na Praza do Concello.
  • Cee: ás 20h, concentración na Praza 8 de Marzo.
  • Compostela: ás 19:30h, manifestación dende a Praza Roxa.
  • Lugo: ás 20h, manifestación con saída do local sindical (Ronda da Muralla, 58).
  • Monforte: ás 20h, concentración na Praza de España.
  • O Barco: ás 19:30h, concentración na Praza do Concello.
  • Ourense: ás 19h, manifestación dende a Casa Sindical (Parque de San Lázaro).
  • Pontevedra: ás 19:30h, manifestación, con saída da Praza da Peregrina.
  • Vigo: ás 19h, manifestación desde A Doblada.
  • Vilagarcía: ás 19:30h, concentración na Praza de Galiza.
  • Viveiro: ás 19h, concentración na Praza Fonte Nova.

Nesta data na que se conmemoran as mobilizacións protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, “as demandas de liberdade, contra a precariedade das condicións laborais, por salarios xustos e pola defensa da negociación colectiva en Galiza seguen vixentes e son de actualidade”, salientou o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xoán Galdo, quen compareceu en rolda de prensa  este martes coa responsábel comarcal de Muller, Teresa Carballido.

Nun contexto marcado polo empobrecemento xeneralizado, os baixos salarios e as desigualdades impostas polas políticas neoliberais e as últimas reformas laborais, “a mobilización convértese no camiño necesario para dar resposta a esta crúa realidade, porque alén das cifras macroeconómicas, o continúo medre da carestía da vida dificulta cada día máis facer a compra e acceder a unha vivenda digna”.

Galdo criticou que se pretenda normalizar a precariedade laboral, o traballo a tempo parcial e a contratación fixa descontinua, mentres a temporalidade segue existindo, as condicións laborais e os salarios son peores e aumenta o risco de pobreza.

Todo isto, engadiu, cunha forte presión do capitalismo para afondar as políticas máis neoliberais e máis depredadoras “a calquera custe” e buscando criminalizar con esta fin toda resposta social. “Aí está, advertiu, a radicalización da dereita, o auxe da ultradereita e o fascismo promovido por un capital que quere máis ganancia sen importar os medios”, no que inseriu os discursos e prácticas cada vez máis perigosas do PP de Galiza, “correa de transmisión do PP español, competindo con VOX nunha axenda españolista, machista e belicista”.

Ofensiva imperialista

Sobre a situación internacional, o secretario da CIG de Ferrol rexeitou “a ofensiva imperialista encabezada polos Estados Unidos con toda a súa maquinaria de guerra e destrución” xa sexa sobre Grenlandia, Venezuela, Cuba ou coa agresión a Irán. Criticou que neste escenario a Unión Europea cada vez parece máis irrelevante e valorou que a deriva cara á extrema dereita “non se frea con chamados a aumentar o gasto militar, con acordos que arrasan o noso agro e pesca, e reafirmándose nunha UE dos Estado e do capital, senón camiñando cara á Europa dos pobos e da xustiza social”.

Por todo isto, instou á mobilización social e construción de poder popular para poder “avanzar en dereitos, conseguir dos Gobernos políticas alternativas e facer real o chamado da CIG neste 10 de Marzo: na Galiza, traballo digno, pobo con dereitos”.