Delegadas e delegados da CIG mobilízanse en demanda de políticas para garantir unha saída galega xusta da crise

A central nacionalista demanda un plan recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza

Nacional -

A CIG realizou este martes 15 concentracións de delegados e delegadas para esixir unha saída galega xusta da crise, tendo en conta que as medidas que se están a adoptar polos Gobernos español e galego son insuficientes ou inexistentes para encetar unha auténtica recuperación económica e social.

As mobilizacións, realizadas nas sete cidades e mais en Vilagarcía, O Porriño, Redondela, Verín, Lalín, Ribeira, Cee e Foz, enmárcase na campaña que a central nacionalista está a desenvolver en demandas de políticas que non supoñan un novo roubo á clase traballadora e dentro da cal ten elaborada unha completa proposta de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza.

Medra o desemprego e a pobreza laboral

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliñou que nin os Orzamento Xerais do Estado nin os Orzamentos da Xunta para o ano 2020 contemplan as actuacións necesarias para dar unha resposta xusta á crise derivada da pandemia, e que na Galiza ten un especial impacto a causa da crise industrial e social na que xa estabamos previamente.

Carril, que participou na concentración realizada en Lugo, fixo unha rápida radiografía da situación actual marcada polos ERTE, os despedimentos colectivos, as modificacións das condicións de traballo ou os procesos acelerados de dixitalización e descarbonización da economía "que están estendendo o desemprego, a pobreza laboral, a desigualdade social e unha importante desertización industrial en amplas comarcas da nosa nación".

O capital quere impor as mesmas receitas de sempre

Pero esta nova crise, cando aínda arrastramos as consecuencias da crise financeira global iniciada en 2008, chega coas agresivas políticas neoliberais aplicadas nos últimos anos en pleno vigor e coa perspectiva de que se nos van impor novas medidas "nesta mesma dirección ás ordes do capital, da patronal e da antisocial UE, que impón duras receitas para poder acceder aos fondos europeos. É dicir, queren impoñer un novo roubo ao pobo traballador", denunciou Carril.

O secretario xeral da CIG advirte que non será posíbel saír da crise con dereitos, emprego e servizos públicos mentres se manteñan as reformas laborais e das pensións, sexa total ou parcialmente; e mentres non se elimine a taxa de reposición e se revertan os procesos de privatización e desmantelamento dos servizos públicos e sociais.

Pero, engade, tampouco poderemos saír desta crise en condicións favorábeis á clase traballadora mentres se continúe a utilizar o diñeiro público para rescatar empresas "porque isto supón seguir na socialización das perdas e na privatización da ganancia en favor exclusivo do capital. Unha política de saqueo que tivo como máximo expoñente o rescate bancario".

Fronte a esta realidade, a CIG esixe un plan de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza, que permita camiñar cara unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas, seguindo as propostas que a central elaborou para unha saída galega xusta da crise. Unha amplísima batería de medidas que a CIG xa remitiu aos Gobernos español e galego, aos partidos políticos e ás asociacións patronais.

Propostas da CIG para unha saída favorábel á maioría social

Paulo Carril subliñou que as propostas recollidas nese documento son de carácter transversal e sectorial nas que os poderes públicos teñen que xogar un papel fundamental e a través das que se insta a facer unha forte aposta en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso.

De entre todas as medidas, Carril destacou a necesidade da derrogación inmediata das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos roubados e recoñeza novos dereitos ante as novas formas de explotación laboral.

Que se prohiba por lei a aplicación de regulacións temporais, despedimentos colectivos, modificacións substanciais das condicións etc., sen a previa autorización administrativa e sen que haxa acordo co persoal, poñendo fin á unilateralidade das empresas; así como eliminar as ETT, a figura do persoal falso autónomo, das empresas multiservizos e a subcontratación en cadea.

Para a CIG é preciso desenvolver xa o Marco Galego de Relacións Laborais, que haxa unha intervención pública na economía e que se constitúa unha Banca Pública Galega "porque as administracións deben ter o papel central na dinamización da economía". Xunto a isto, Carril demandou un proceso de transición enerxética que sexa verdadeiramente galega e xusta e un plan de desenvolvemento industrial, de apoio e protección aos nosos sectores produtivos básicos "que cree emprego digno e poña fin á precariedade e á emigración".

Garantir salarios dignos e servizos públicos de calidade

Para garantir a capacidade adquisitiva, o secretario xeral da CIG reclamou a supresión do IPREM e que se fixe por lei o Salario Mínimo Interprofesional no 60% do salario medio (de acordo co recollido na Carta Social Europea), que para o ano 2021 estaría no entorno dos 1150 euros, segundo a UE. E do mesmo xeito, establecer por lei que a pensión mínima sexa igual ao SMI e revalorizábel conforme ao IPC real.

Ademais, o documento da CIG contempla medidas para  reforzar os servizos públicos, o retorno ao público de todos aqueles servizos que foron privatizados e para a posta en marcha dun sistema público galego de atención ás persoas,  incorporando a esta rede pública os SAF e dignificando as condicións deste persoal.  Nesta liña, a CIG reclama tamén a aprobación dun plan de conciliación con dereitos e protección para quen ten que facerse cargo dos coidados.

Volver