A clase traballadora galega celebra o 1º de Maio reclamando protección fronte ao capital e unha Galiza soberana e con futuro

A CIG convocou unha acción reivindicativa dende as fiestras para cantar a Internacional e pendurar bandeiras vermellas e da patria
Nacional - 01 Mai 2020

A Internacional soou este mediodía dende as fiestras de Galiza, onde tamén ondearon bandeiras vermellas e da patria, nunha acción reivindicativa convocada pola CIG para conmemorar este Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora. Unha data que este ano celebramos baixo condicións especiais, pero co carácter combativo e reivindicativo de sempre.

Nos días previos, a central desenvolveu unha campaña de axitación con dúas xornadas de protestas simbólicas realizadas o día 23 diante de edificios do goberno español e da Xunta de Galiza e o 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral, diante de diversos centros de traballo. De xeito paralelo, centos de delegados e delegadas e traballadores e traballadoras sumáronse á campaña do 1 de Maio sacando fotografías co cartaz da CIG nos seus respectivos centros de traballo.

Protexer a clase traballadora

A Covid19 ataca a poboación en xeral, pero o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, porque non afecta por igual a todas ás clases sociais nin a todos os pobos e nacións"

Precisamente, o lema escollido pola CIG, "Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro", apela á necesidade de contármonos con medidas que garantan a nosa saúde ante a pandemia da Covid19, mais tamén á urxencia de virar as políticas para que a crise social e económica derivada da emerxencia sanitaria non volva recaer sobre a clase traballadora e as maiorías sociais.  

Neste senso, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, pon o acento no feito de que a Covid19 ataca a poboación en xeral, "pero o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, porque non afecta por igual a todas ás clases sociais nin a todos os pobos e nacións".

De feito, denuncia que as medidas aprobadas polos gobernos demostran unha maior preocupación "pola saúde do capital que pola saúde da poboación", salientando que incluso se aproveita o estado de alarma para confinar os nosos dereitos e as liberdades públicas e democráticas.

"Non podemos permitir que se siga enfrontando esta crise con políticas que empobrecen máis a maioría do pobo pola aplicación indiscriminada de ERTEs e despedimentos masivos, sen resolver  o cobro puntual do paro,  sen protección social plena, sen  as necesarias medidas de seguridade e sen garantir un emprego e salarios dignos".

Entende que o camiño para facer posíbel vivir e traballar dignamente na nosa terra, comeza pola derrogación íntegra das reformas laborais e sociais, reverter o desmantelamento dos servizos públicos, asegurar un financiamento público pola vía impositiva ás grandes fortunas e ás grandes empresas ou promover o retorno ao sector público de sectores estratéxicos da economía que están en mans privadas.

Especial impacto da crise en Galiza

Carril alerta que o impacto desta crise resulta especialmente virulento en Galiza, pois "xa estabamos a vivir unha auténtica emerxencia por causa dunha crise industrial, social e demográfica, con altos porcentaxes de emigración,  precariedade, pobreza e desigualdade". Porén, ante as inxustas e insuficientes medida aplicadas, lamenta que o Goberno de Feixoo "siga máis preocupado por afondar nun modelo de dependencia a Madrid e a Bruxelas, por sacar rendemento electoral,  que por frear os abusos patronais, reforzar os servizos públicos ou exercer as competencias, as capacidades propias que temos como pobo galego e como nación para afrontar esta situación".

A organización,  a loita e a  mobilización serán as que forcen o avance nas políticas alternativas que precisamos"

Fronte a isto, e nunha data sinalada para a clase traballadora como o Primeiro de Maio, Carril subliña "que será a  organización,  a loita e a  mobilización as que forzarán o avance nas políticas alternativas que precisamos, que son políticas públicas que prioricen  e concentren todos os recursos existentes en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías sociais".

Ao tempo, reitera a necesidade de superar o centralismo español e avanzar no noso dereito a decidir como pobo galego, "contribuíndo así a facer máis forte o internacionalismo proletario, construíndo un mundo moi necesitado de solidariedade, cooperación, igualdade, xustiza social e paz".

Proposta laboral de urxencia da CIG na "desescalada"

Ante esta grave situación e cando comeza a denominada fase de "desescalada", a CIG ten elaborada unha proposta de urxencia, que pasa en primeiro lugar pola derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012 nas que se fundamentan as fórmulas impostas polo Goberno, restabelecéndose como versión menos mala a vixente con anterioridade, durante o tempo que non poida entra en vigor un novo marco legal.

Isto suporía, no caso dos ERTEs, ter que chegar a acordo coa representación sindical e o exercicio do control e, no seu caso, da autorización previa pola Administración. Para evitar os abusos e o grave prexuízo que supoñen estas regulacións, CIG reclama que se impidan as prórrogas dos ERTEs e se prohiba simultanear a súa aplicación con medidas de descolgue salarial, inaplicación de convenio, modificacións substanciais das condicións laborais, etc.

Habilitar un mecanismo extraordinario para pagar o paro

No relativo á problemática xerada polo atraso no cobro da prestación por desemprego, Carril demanda o pago inmediato do paro, habilitando par isto un procedemento especial e extraordinario coa confección nóminas para efectuar os ingresos semana a semana até a posta ao día dos expedientes; e que se perciba o 70% da base reguladora durante o tempo que se estea nun ERTE. A tal fin, débese derrogar a reforma feita polo Goberno do PP a través do Real Decreto Lei 20/2012, que recortou as prestacións por desemprego ao reducir a porcentaxe aplicable á  base reguladora a partir do día 181 de prestación, pasando dun 60% a un 50%.

Tamén que estas medidas sexan aplicadas a todas persoas traballadoras despedidas por causa da pandemia ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación.

"Defendemos que o tempo no paro desde o despedimento ou o ERTE por causa da Covid19 debése considerar non consumido e que todas as traballadoras e traballadores, con independencia do tempo cotizado, teñan dereito á prestación por desemprego", valora.

Xunto a isto, para poder acollerse a un ERTE, que se lles esixa ás empresas completar até o 100% dos salarios, garantías de reincorporación do persoal temporal despedido e tamén garantías de incremento salarial dos convenios colectivos pendentes de renovar.

Teletraballo e coidado de persoas vulnerábeis

En relación ao teletraballo, a CIG demanda que haxa control e garantías sobre o dereito á desconexión dixital, á protección de datos e uso de internet.

Na situación actual, é necesario ademais que se concedan automaticamente as solicitudes de redución e adaptación de xornada por coidado de persoas vulnerábeis e se garanta que as persoas traballadoras que non teñan outra alternativa para conciliar non vexan os seus ingresos reducidos en máis do 30% da súa base de cotización.

 Paquete de medidas fiscais

Para financiar o importante gasto público que xeran as medidas, a CIG propón un paquete de medidas fiscais coa creación dun imposto sobre os beneficios extraordinarios da banca e os activos financeiros, e a eliminación dos privilexios fiscais das SICAV  e das grandes empresa. Xunto a isto o desvío na contía necesaria das partidas destinadas aos gastos militares e da Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor.