Centos de mulleres mobilízanse coa CIG en Compostela ao berro de “feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade”
Ao berro de “Feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade”, centos de mulleres participaron este domingo en Compostela na manifestación convocada pola CIG con motivo do 8 de Marzo. Unha data de reivindicación e loita porque, a pesar dos intentos de eliminar o contido de clase que deu orixe a esta conmemoración, “o 8 de Marzo é o día internacional das mulleres traballadoras”.
A manifestación partiu da estación intermodal de Compostela e rematou na Praza de Praterías, onde cinco compañeiras de diversos sectores laborais deron conta das desigualdades e discriminacións que sofren no seu día a día e das condicións laborais e salariais precarias que seguen padecendo as traballadoras galegas en sectores altamente feminizados como a conserva, as acompañantes do transporte escolar, as residencias de maiores e a axuda no fogar, o comercio vario, o comercio de alimentación, a limpeza, a sanidade, o ensino, a atención á dependencia, os centros de menores etc.
Ou no lado contrario, as dificultades que supón traballar en sectores tan masculinizados como a construción “onde moitas veces as mulleres temos que demostrar o dobre para que se recoñeza o mesmo”.
A secretaria confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, foi a encargada de realizar a intervención final na que resaltou que “por moito que haxa quen queira espilo desa condición, o 8 de Marzo é loita e reivindicación, é traballo, é dignidade, é clase”. Por iso, instou “a debater e tomar conciencia sobre a situación social e política que atravesan as mulleres traballadoras galegas” e exixir as medidas necesarias.
Chamou a atención sobre os paralelismos co ano 1910, cando se celebrou a Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, orixe da conmemoración do 8 de marzo como Día internacional das mulleres traballadoras. Daquela, as mulleres denunciaban o alto prezo dos alimentos, as duras condicións laborais e reclamaban a fin dos conflitos bélicos. “Hoxe, no ano 2026, estas reivindicacións están plenamente de actualidade. Hoxe estamos aquí exixindo iso mesmo”.
A precariedade segue a cebarse coas mulleres
Denunciou que as mulleres continuamos a ter peores condicións, salarios máis baixos, e máis temporalidade e parcialidade que os homes traballadores; e “malia que se nos vendeu que a reforma laboral do ano 2021 ía rematar con estas lacras, o certo é que incluso aumentaron as fendas”.
A responsábel de Organización engadiu que a fenda salarial só se acurta por mor da subida do salario mínimo, pero cada vez hai máis traballadoras pobres. Estas menores retribucións xunto ás carreiras laborais máis curtas, fan que a fenda se estenda tamén ás pensións que, lembrou, en Galiza seguen a ser das máis baixas do Estado.
Criticou que as políticas de desmantelamento e privatización dos servizos públicos afondan nunha maior precarización das mulleres, polo que incidiu que neste día “non temos nada que celebrar, senón ao contrario, estamos aquí para denunciar, reivindicar e esixirlle aos gobernos e ás patronais que dunha vez se poñan en marcha medidas para acadar unha igualdade real e efectiva en todos os ámbitos”.
Neste senso, Méndez demandou un incremento salarial das profesións feminizadas e que o réxime especial de persoas empregadas do fogar estea regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, con retribucións acordes á importancia dese labor.
Medidas urxentes contra o acoso e a violencia laboral
Fronte ao acoso e á violencia laboral, pediu que as denuncias sexan investigadas con celeridade e conclúan con sancións exemplarizantes; e nas profesións cun alto risco de sufrir violencia no traballo exixiu un dispositivo de alerta xeolocalizado que permita facer unha chamada de emerxencia, alén dos protocolos e plans correspondentes. “Non pode haber outro caso como o de Teresa”, afirmou en referencia á traballadora do SAF do Porriño asasinada mentres prestaba o servizo nun domicilio.
“Non queremos volver ver outra muller asasinada, nin na casa, nin na rúa, nin no seu posto de traballo. Basta de violencia e asasinatos machistas”, reiterou a secretaria de Organización da CIG, quen lanzou un chamado “á mobilización e a rematar co silencio fronte aos ataques”, pois “só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos avanzar”.
“A liberdade non chega en forma de mísil”
Durante a súa intervención, Méndez tamén se referiu á situación política internacional, cunha denuncia ao imperialismo e aos ataques militaristas por parte dos EUA e os países amigos sobre nacións soberanas, advertindo que son as mulleres quen sofren as peores consecuencias. “Non hai dereitos para as mulleres nun mundo en guerra”.
Rexeitou “a escalada bélica, o militarismo e a industria da morte que se enriquece mentres os pobos sangran. Dicímolo con toda a rabia e toda a dignidade: é unha hipocrisía que quen bombardea, invade e ocupa queira vendernos as súas guerras como “liberación”, mentres mata nenas nunha escola e sementa terror. A liberdade non chega en forma de mísil. A liberdade constrúese con paz, con dereitos, con pan, con educación e con futuro”.
O exemplo de Begoña Caamaño
A representante da CIG non quixo pasar por alto neste 8 de Marzo a figura de Begoña Caamaño, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, e a quen definiu como unha “muller traballadora, comprometida, feminista, sindicalista, antimilitarista, defensora da nosa lingua e un exemplo a seguir para todas nós”.