8 de Marzo de 2021: Mulleres en Folga. Información.

- 10 Feb 2021

A CIG convoca folga de mulleres de 24 horas o vindeiro 8 de marzo de 2021, no Día internacional das mulleres traballadoras. Fronte a quen poida pensar que non é momento de convocar unha folga, nunha Galiza con peches perimetrais, con limitacións de mobilidade e mesmo toques de queda, desde o feminismo de clase consideramos que urxe manifestarnos e combater nas rúas os ataques aos nosos dereitos, porque se algo evidenciou a pandemia é que as mulleres seguimos condenadas polo sistema a sufrirmos as máximas consecuencias da crise.

Iremos á folga porque unha vez máis as mulleres fomos as encargadas de asumir en exclusiva o traballo de coidado de persoas vulnerábeis, e malia que a pandemia amosou que os traballos feminizados son traballos esenciais para o desenvolvemento da sociedade, porén, as mulleres non fomos obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a nosa saúde, sobreexpoñéndonos ao virus, nin tampouco se recompensou o noso sobreesforzo cunha revalorización social e económica do noso traballo.

Todo o contrario, as únicas políticas adoptadas polos gobernos tanto no estado como na Xunta foron dirixidas a reducir os nosos salarios con reducións de xornada e a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar. 

Unha vez máis as mulleres fomos as encargadas de asumir en exclusiva o traballo de coidado de persoas vulnerábeis

Este 8 de Marzo faremos folga de 24 horas, farémonos visíbeis no espazo público, denunciando a sobreexplotación á que estamos sometidas nos nosos traballos asalariados e nos nosos fogares; a precariedade das mozas que intentan acceder ao emprego; a das que suman moreas de contratos a tempo parcial e de curta duración; a infravaloración dos traballos feminizados, os da limpeza, dos coidados das persoas enfermas, dependentes, das persoas maiores, das crianzas; a explotación das traballadoras do comercio, dos sectores sociosanitarios; os abusos ás traballadoras dos centros de chamadas, ás traballadoras do fogar; a situación das que tiveron que renunciar a salarios por ter que coidar da súa familia; os despedimentos realizados de xeito oportunista por unha patronal que veu na pandemia a oportunidade para liquidar os seus contratos; por sermos as máis prexudicadas pola fenda dixital ou pola analfabetización electrónica que tanto nos dificultou no acceso a axudas e prestacións; porque somos as que cobramos pensións máis miserentas; as que estivemos en risco por falta de equipos de protección mesmo nos servizos esenciais. Porque non podemos esquecer que a crise sanitaria pagámola as mulleres. Co noso lombo, co noso traballo de balde, limpando, curando, coidando. Porque coidar a quen nos coida debe ser un imperativo legal, porque é de xustiza.

Iremos á folga para denunciar a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar, etc., servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerábeis. Para que os recursos e servizos de atención ás persoas pasen a ser revalorizados, garantindo o recoñecemento e dignificación destes traballos como un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas, e en condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.

Sóbrannos razóns para irmos á folga

Compañeiras, sobran razóns para que as mulleres fagamos folga o 8 de Marzo, para facérmonos visíbeis na rúa, para reivindicarmos os nosos dereitos, para non darmos nin un só paso atrás na nosa loita. Fagamos ouvidos xordos ás voces que mesmo insinuaron que fomos culpábeis da pandemia, ou das que consideran que nunca é o momento axeitado para facérmonos valer. Únete a nós. 

O 8 de Marzo rebélate, secunda a folga e participa na xornada de loita organizada pola CIG!