A poboación activa reduciuse en Galiza en 21.000 persoas no 2º trimestre do ano
Os datos da EPA reflicten unha preocupante evolución do mercado laboral no que a baixada do desemprego se debe á expulsión das persoas traballadoras
Os datos do EPA evidencian unha preocupante evolución do mercado laboral en Galiza que, no segundo trimestre do ano, sufriu unha forte caída da poboación activa ao reducirse en 21.000 persoas, o que supón un descenso do 1,6% con respecto ao trimestre anterior. A taxa de paro tamén descendeu, pero esta redución non vai ligada a unha mellora real na capacidade de xear emprego, senón á caída do número de persoas en idade de traballar.
A dinámica regresiva do mercado laboral galego fica máis patente comparando os datos da Enquisa de Poboación Activa publicados este martes coa media do Estado, onde aumentou a poboación activa un 1,1%, a ocupada un 2,2% e descendeu o paro un 7,9%.
“Pola contra, Galiza perde persoas traballadoras, perde emprego e aumenta a poboación inactiva”, advirte o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Francisco González Sío, quen atribúe esta realidade “á falta dunha política industrial propia, á perda dos sectores produtivos máis importantes e á incapacidade para ofrecer emprego de calidade”.
Salienta que a diminución da poboación activa en Galiza se trasladou tanto á ocupación -hai 6.100 persoas menos que no trimestre anterior- como ao desemprego, que se reduciu un 12,8%. Ao tempo incrementouse a poboación inactiva, especialmente entre as persoas pensionistas, tanto perceptoras de pensións de xubilación como doutro tipo de prestación.
Por grupos de idade, o maior retroceso rexístrase entre as persoas de 45 a 54 anos, con 9.300 persoas activas menos (-2,3%). Séguenlle o grupo de 25 a 34 anos, que perde 7.900 persoas (3,7 %), e o de 35 a 44 anos, cun descenso de 6.200 persoas (-2,1 %). Entre as persoas de 55 ou máis anos a redución é máis moderada, con 2.100 persoas menos (-0,7 %). A única excepción son as persoas menores de 25 anos, que incrementan a súa participación, mais estas porcentaxes teñen un impacto moi limitado sobre o conxunto da poboación activa.
“Estase expulsando á poboación activa do mercado de traballo e comprometendo o futuro económico e social do país”, reiterou González Sío. Nesta liña apuntou ao problema demográfico de Galiza, cunha poboación avellentada, ao drama permanente da emigración da mocidade, e á incapacidade da economía galega para ofrecer emprego estábel e salarios dignos que permitan fixar poboación. E denunciou o fracaso das políticas de industria e de emprego da Xunta “baseadas en plans directores que só serven para regalarlle centos de millóns de euros ás grandes empresas sen garantir o emprego”.
Caída da ocupación nos sectores masculinizados
Hai que sinalar que o 90% do descenso da ocupación atinxiu aos homes, xa que maioritariamente se produciu nos sectores máis masculinizados. Así, a agricultura foi o sector que presentou a maior caída relativa, cun descenso de 2.300 persoas ocupadas (3,4 %), o que confirma a tendencia de perda continuada de emprego no sector primario.
A construción tamén experimentou un retroceso significativo, con 2.000 persoas ocupadas menos (-2,5 %); mentes que na industria se perderon 2.500 empregos (-1,3 %), un dato especialmente preocupante por tratarse dun sector estratéxico para a economía galega.
Fronte a este comportamento, o sector servizos -caracterizado pola temporalidade, a parcialidade e a precariedade salarial- aumenta lixeiramente a súa ocupación en 700 persoas (0,1% ). Dentro deste, tamén se dá unha evolución moi dispar en función das distintas ramas de actividade e segue a ser o incremento do emprego na hostalaría e no comercio (con 15.400 persoas ocupadas máis) o que mantén a ocupación global no sector.
Este medre contrarresta a forte caída na administración pública, que rexistrou unha perda de 10.500 empregos en tan só un trimestre. Un dato especialmente preocupante “xa que evidencia a insuficiencia das políticas de reforzo dos servizos públicos e a falta de emprego público estábel”.
“Cantos peores servizos públicos teñamos, en peor situación estaremos”, alerta o secretario confederal de Emprego da CIG, que pon a atención tanto nos recortes da sanidade e do ensino, como nun servizo fundamental como a prevención e loita contra os lumes, “no que faltan efectivos e medios cando estamos atravesando un período de risco extremo”.
Finalmente, González Sío volveu lamentar que os datos da EPA sobre os que se traballa son exclusivamente os ofrecidos polo INE, xa que o IGE non fai pública a información estatística propia no mesmo día, limitando así a capacidade de análise sobre a realidade laboral do país. Lembrou que dende hai un ano o Instituto Galego de Estatística está adscrito directamente á Presidencia da Xunta, polo que acusou a Rueda de secuestrar organismos “que ofrezan datos que poidan pór en cuestión a propaganda oficial”.