A 108 Conferencia Internacional do Traballo conclúe cun balance e perspectivas preocupantes

Coincidiu coa celebración do seu centenario

Internacional -

A semana pasada remataba en Xenebra a 108 Conferencia Internacional do Traballo, coa presenza de aproximadamente 6000 delegados/as de todo o mundo, entre eles a da CIG, representando ás tres partes que constitúen a OIT: gobernos, empregadores/as e traballadores/as. Este ano tiña especial relevancia, pois celebrábase o seu centenario desde a súa creación, en abril de 1919, como única organización tripartita do Sistema de Nacións Unidas.

E 100 anos dan para moito, polo que podemos atopar luces e sombras na historia da OIT. Se ben ten significado o garante e a protección dos dereitos laborais e sindicais, fomentar o traballo decente e mellorar a protección social para millóns de traballadores/as de todo o mundo, nos últimos tempos está a sufrir un debilitamento das funcións que tan ben cumpriu en tempos máis remotos, sobre todo no que se refire ao control normativo, ao ser constantemente cuestionado o traballo das Comisións de Expertos pola representación do empresariado e de moitos gobernos, e tamén pola ineficacia diante dos constantes incumprimentos empresariais e dalgúns Estados dos diferentes convenios e normas internacionais.

Ao longo destes 100 anos, a OIT ten establecido numerosos convenios internacionais: sobre o dereito de asociación, de sindicalización e negociación colectiva no sector privado e público, sobre o traballo decente, a extensión da seguridade social, contra a explotación e o traballo infantil, pola negociación bipartita e tripartita,…ate o último aprobado nesta conferencia contra a violencia e o acoso no traballo. Todos estes convenios, e os principios recollidos na Declaración de Filadelfia do 1944, veñen marcando o senso e razón de ser da OIT e as numerosas conferencias que se realizaron cada ano.

Nesta 108ª Conferencia tamén se aprobou unha nova Declaración (que incorpora unha serie de compromisos tripartitos, mais que, se comparamos coa de Filadelfia, podemos facer unha valoración sobre se realmente avanzamos ou retrocedemos, pola parte que corresponde aos traballadores/as (nós consideramos que retrocedemos).

Convenio 190 contra a Violencia e o Acoso no Traballo

Aprobouse un novo Convenio, o 190, contra a Violencia e o Acoso no Traballo, que marca unha serie de comportamentos e prácticas inaceptábeis, ou de ameazas de ditos comportamentos, xa sexan manifestados unha soa vez ou de xeito reiterado, que teñan por obxecto, que causen ou sexan susceptíbeis de causar, un dano físico, psicolóxico, sexual ou económico, e inclúe a violencia ou acoso por razón de xénero, como aquela que vai dirixida contra as persoas por razón do seu sexo ou xénero, ou que afecten de xeito desproporcionado a persoas dun xénero ou sexo determinado, incluíndo o acoso sexual.Convenio, por certo, que saíu adiante con moitos problemas e sen a aprobación de importantes sectores do empresariado e algúns gobernos, que se abstiveron na votación final. E tamén ocupou un papel destacado nesta Conferencia o Informe da Comisión Mundial sobre o Futuro do Traballo, no que se destacan as tres dimensións e un programa:

 

  • Investir nas capacidades das persoas.
  • Investir no traballo decente e sostíbel.
  • Investir nas institucións do traballo, para o que se require revitalizar o contrato social que asegure aos traballadores e traballadoras unha participación xusta no progreso económico, o respecto dos seus dereitos e a protección dos riscos aos que se expoñen a cambio da súa constante contribución á economía.
  • Proponse un programa para o futuro do traballo centrado nas persoas, que fortaleza o contrato social, situando aos homes, ás mulleres e ao traballo que realizan no centro das políticas económicas e sociais e na práctica empresarial.

Mais, a pesar de todo isto, resulta preocupante a evolución que cada ano vai tendo esta conferencia e a situación actual da propia OIT, que foi instrumento garantista dos dereitos laborais fundamentais.

Pasados aqueles anos da súa orixe, ou os da intensa actividade dos anos 50, logo da caída do muro de Berlín e todo o que iso conlevou canto á desaparición do contrapunto que servira para a xurdimento do estado de benestar, a conquista de dereitos, o acceso xeneralizado aos servizos públicos, etc., o avanzo do neoliberalismo mostrouse imparábel, introducindo unha maior flexibilidade e reformas laborais lesivas, anulando dereitos, terciarizando o traballo, rebaixando salarios e pensións, incrementando o desemprego, a precariedade e a pobreza,…

Presións dos gobernos de dereitas

A actitude da grande maioría dos gobernos de dereitas e das empresas, que representan neste intre un bloque maioritario dentro do sistema tripartito da OIT, están a impoñer as súas teses, a cuestionar o traballo das persoas técnicas que elaboran os informes, e a poñer en dúbida dereitos que ata hai pouco críanse consolidados, como o dereito a folga, ás prestacións sociais, e outros.

Sirva como exemplo o debate producido na Comisión do Convenio contra Violencia e oa coso no traballo, onde se pretendía equiparar esa violencia sufrida polos traballadores e traballadoras, coa que podían padecer os empresarios, diante das presións, mobilizacións e outro tipo de medidas reivindicativas.

Por outra banda, o papel protagonista internacional que viña desempeñando a OIT nos pasados anos, foise vendo suplido polo de outras institucións como o Banco Mundial, o FMI ou outras axencias como o PNUD, que vén colonizando os temas do traballo a través da axenda dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel. Algúns ata chegamos a pensar se o verdadeiro debate sobre o futuro do traballo e outras decisións de carácter económico, non se estaban a dar nesta conferencia, senón na que se tiña celebrado tan só uns días antes en Montreux, polo Grupo Bilderberg, grupo selecto de quen realmente ostenta o poder no mundo.

Como consecuencia da globalización neoliberal, que arrasou con moitos dos dereitos conquistados e agrandou a brecha da desigualdade social no mundo (non só dos países desenvolvidos, senón do mundo occidental), a propia OIT e moitas organizacións internacionais e ONG´s, tamén organizacións e federacións sindicais, apostaron como estratexia polo chamado “Diálogo Social” (son moitos/as dirixentes sindicais os/as que aínda apostan por esta vía na actualidade), de tal xeito que esta crise e avalancha neoliberal pillounos “dialogando”, mentres á clase traballadora, á que teóricamente representan e defenden, se levou todo enriba coas sucesivas reformas e recortes que os gobernos neoliberais puxeron ao servizo do capital.

Todo isto nun intre no que, máis que nunca, debera estar presente a loita de clases que, non o esquezamos, foi a que serviu para acadar as grandes conquistas nos dereitos laborais que, en poucos anos, estanse a diluír como unha culler de azucre no café.

Evitar a deriva

En definitiva, debemos evitar que a OIT se converta, se segue este rumbo, noutra institución máis ao servizo do capital e as clases dominantes. Debe recuperarse o seu carácter democrático e xusto, de respecto ás regras de xogo e de obrigado cumprimento das normas das que se ten dotado.

As propias organizacións e federacións sindicais debemos xogar un papel primordial, facendo valer os dereitos xa conquistados, plantándolle cara ao bloque da dereita política e económica, e non deixándose engaiolar polo papel institucional e burocratizado no que algunhas organizacións están inmersas ultimamente.

Polo demais, e máis alá deste balance e reflexión, o noso papel na conferencia foiunha vez máis activo e de participación nas múltiples actividades que alí se desenvolveron:

1º) Comisión de Aplicación de Normas e Convenios:

Tamén desta vez participamos nesta comisión, na que se estudan os incumprimentos dos convenios por parte dalgúns países, en base a un Informe da Comisión de Expertos en Aplicación de Convenios e Recomendacións. Seguindo un Plano de traballo da Comisión do listado total de países, selecciónanse 24, que serán sometidos a debate e conclusións dentro da Comisión.

A lista de casos individuais deste ano mostrou moi claramente os problemas aos que faciamos referencia anteriormente. Ano tras ano, a maioría neoliberal de empresariado e gobernos, empéñanse en introducir nesta lista a aqueles países que, polo seu réxime político, son contrarios aos seus intereses xeoestratéxicos e económicos.

No pasado cargáronse as tintas contra Cuba, logo foi Venezuela o punto de mira (supoño que este ano non entrou no listado por non ter claro contra quen irían, se contra o Presidente lexítimo, Nicolás Maduro, ou o que eles recoñeceron, o autoproclamado Sr. Guaidó).

Este ano tocoulle a Uruguai, Bolivia, Cabo Verde ou Nicaragua, entre outros, que aparecen nun listado ao lado de países como Filipinas, Turquía, Libia ou Yemen, onde a vulneración de dereitos laborais e humanos danse en circunstancias bélicas, con asasinatos e secuestros, detencións, ou represión extrema.

Mentres, nos primeiros países mencionados, faise apelación a supostas vulneracións do bipartismo e tripartismo, ao diálogo social e outros argumentos polo estilo, para descualificar a uns gobernos que apostan claramente pola clase traballadora das súas poboacións.

O caso de Uruguai é paradigmático: todo o problema que tiña o empresariado e os seus gobernos cómplices era a existencia dun Consello de Salarios estatal, que garante a cobertura e a actualización salarial para todo tipo de traballadores/as, tamén os de pequenas empresas, facendo así que, desde que goberna o Frente Amplio, o salario mínimo chegase a incrementarse ata nun 276%, os sectoriais ata un 55%, e que o nivel de cobertura na negociación colectiva pasase dun 28% a case o 100%.

Todo isto con un incremento nas cifras macroeconómicas do país, cun crecemento anual da economía dun 4,67%. O sistema de Diálogo Social e Negociación colectiva de Uruguai, que ten unha base sectorial de integración de todos e todas, que impide a concorrencia desleal entre as empresas, garante niveis de protección dos traballadores e traballadoras, permite ao mesmo tempo un crecemento sostíbel da economía e respecta as normas fundamentais da OIT.

Resulta pois escandaloso que este caso, que debera ser un exemplo a imitar polo resto de estados e gobernos como modelo de defensa dos dereitos de toda a clase traballadora, entre en cambio a ser cuestionada nesta comisión. E algo similar, aínda que noutros aspectos, acorreu con Bolivia e Nicaragua. Isto foi un prezo moi caro que o grupo de traballadores tivemos que pagar por incluír un caso que, pola súa relevancia sindical e política, críamos que debería de estar tamén na lista: o caso de Brasil. Un caso no que, por certo, o goberno fascista de Bolsonaro atopou o apoio de empregadores e de un bo número de gobernos, entre eles o de Rusia, China e a India (Os BRIT). Decepcionante ver como as cuestión xeoestratéxicas xa pasan por riba desde hai tempo das ideolóxicas.

* Na páxina da propia OIT (https://www.ilo.org/ilc/ILCSessions/108/committees/standards/lang--es/index.htm) poden consultarse todos os documentos desta Comisión.

Tamén se aprobaron nesta Comisión de Normas outros informes, como o Informe da Decimoterceira reunión da CERT – Outubro 2018, que fai referencia ao persoal docente, e no que participamos activamente no seo da Internacional da Educación, da que a CIG-Ensino forma parte, e o informe sobre Protección social Universal para a Dignidade Humana, a Xustiza social e o Desenvolvemento Sostíbel.

2º) Folga e mobilización de mulleres:

Na xornada do 14 de xuño, as mulleres suízas levaron a cabo unha folga xeral de ámbito nacional e levaron á rúa as súas reivindicacións para esixir igualdade real, a fin da discriminación salarial, medidas de conciliación e tolerancia cero coa violencia de xénero. E todo a pesar das ameazas das patronais, que consideraron a folga como “ilegal” por non ser, seica, por motivos laborais. As rúas de Xenebra tamén foron testemuñas destas multitudinarias mobilizacións de mulleres,  e nós sumámonos como apoio solidario á súa loita.

3º) Declaración sindical de apoioao proceso de paz en Colombia:

A CIG tamén se sumou a esta Declaración e participou neste encontro, do que se da información máis ampla nesta nosa páxina web.

4º) Reunión da CSPLP:

Cada ano aproveitamos o encontro da Conferencia para celebrar unha reunión da Confederación Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP). Este ano acordamos celebrar o Congreso que fora adiado para o vindeiro mes de xullo do 2020, en Cabo Verde.

5º) Debate “100 anos da OIT. A ausencia dunha narrativa de loita e resistencia polos dereitos laboráis e sindicais:

A CIG tamén estivo presente neste interesante debate, promovido por algún latinoamericanos, con Marta Escarpato, da CTA-T como moderadora e con intervención sindiciais do Ministro de Traballo de Bolivia, e representantes do COB de Bolivia, da CTA-T de Arxentina, da CUT de Brasil, da CBST de Venezuela e da CUT de Chile. Por fin escoitamos unha visión crítica, da que participamos e compartimos, sobre a situación política e sindical internacional, e que pareceu non gustar moito a representantes do sindicalismo español.

Ademais de todas estas actividades, aproveitamos tamén a conferencia para manter contactos bilaterais con outras organización sindicais, algunhas que xa temos unha relación estreita, e outras coas que estamos en fase de incrementar a colaboración e entendemento mutuo.

A Coruña, 28 de xuño de 2019

Dpto. de relaciónsInternacionais da CIG

Volver