A 16ª edición do Correlingua percorrerá unha ducia de localidades baixo o lema 'O galego está en nós'

A popular carreira do alumnado a prol do idioma celebrarase entre o 2 e o 16 de maio
Vigo - 19 Abr 2016
A decimosexta edición do Correlingua, carreira en defensa da lingua na que participa o alumnado de todos os ciclos informativos, percorrerá unha ducia de localidades do país entre o 2 e o 16 de maio baixo o lema 'O galego está en nós'. No acto, que foi presentado hoxe en Pontevedra, participaron -ademais dos representantes das entidades organizadoras- un total de 70 alumnos/as dos tres centros educativos gañadores dos certames de Manifesto, Vídeo e Banda Deseñada.

O Correlingua 2016, que foi presentado este martes no Museo Provincial de Pontevedra, percorrerá un total de 12 localidades galegas entre o 2 e 16 de maio baixo o lema 'O galego está en nós', inspirado nun poema do poeta chairego ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016, Manuel María. O propio poeta participou en numerosas ocasións nesta actividade.

Na presentación do Correlingua, na que estiveron presentes e interviñeron en nome das entidades organizadoras Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Mª dos Anxos González Refoxo, vicepresidenta da AS-PG; Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación da Coruña; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, realizouse a entrega de premios ao alumnado gañador de cada un dos certames, que foi:

-No certame de Manifesto: “Os portugas”, alumnado de 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

-No certame de Vídeo: alumnado de 3º da ESO do IES de Elviña.

-No certame de Banda Deseñada: alumnado de 2º de Primaria do CPI de Pontecesures.

O alumnado recolleu os premios manifestando a súa satisfacción por ter participado nunha actividade colectiva que, ademais, lles permitiu reflexionar sobre a nosa lingua.

Ao longo do curso escolar

O Correlingua é unha actividade escolar que dura todo o curso escolar. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.

A popular carreira en defensa da lingua está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, e conta coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e das Deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

Agradecer a implicación

Dende a organización agradeceron a implicación e colaboración do profesorado e do alumnado participante. Tamén agrdeceron o apoio das institucións que acollen a actividade xa que entenden que deben implicarse na aposta pola normalización do noso idioma.

Os e as intervenientes no acto incidiron na importancia de contarmos con actividades normalizadoras, que promovan a reflexión sobre a situación do noso idioma e incidan na sensibilización no seu uso como mecanismo imprescindíbel para o seu futuro, “algo especialmente necesario no actual contexto de desgaleguización”. Ao mesmo tempo, fixeron un chamamento ao uso diario do galego por ser esta lingua “sinal de modernidade”.

Cada unha das doce carreiras rematará nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, en que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros, que seleccionaron como gañadores a Zënzar, Liviao do Marrao e Pito de Pikasso.

Esta edición contará para conducir o acto da festa final co grupo teatral Talía Teatro, que estará presente na maioría das localidades.