A ameaza da débeda

Albert Recio Andreu -

Seguimos pendentes de que a nova crise da débeda acabe provocando un novo cataclismo social a curto prazo, e seguros de que, de non mudar o modelo, o cataclismo ecolóxico ou o xerado pola expansión da desigualdade nos vai ler a un período de barbarie a escala planetaria

 O último informe do FMI volve alertar sobre o crecemento da débeda. Trátase dunha das cuestións recorrentes no período neoliberal, decote utilizada como un elemento de crítica contra as políticas públicas e como xustificación dos sucesivos plans de axuste impulsados polo Consenso de Washington e a teoría do axuste expansivo que dominou a política da UE a partir de 2010.

 O nivel de endebedamento global, o 225% do PIB mundial, é superior ao da crise. O FMI insiste na solución tradicional, reducir os déficits públicos aproveitando os baixos tipos de xuros. O problema é que unha parte maioritaria da débeda é privada. Gran parte do crecemento da débeda a partir da crise se debeu a que o sector público socializou parte da débeda privada, nomeadamente a bancaria, e, malia iso, a débeda privada segue sendo superior en todas as partes, tamén no Estado español. A finais de 2017 o endebedamento total do Estado español situábase no 235,4% do PIB, sendo do 98,1% o público e o 137,3% o privado.

 Para as ideas económicas convencionais (e para boa parte do sentido “moral” colectivo) o endebedamento é algo malo, unha mostra de que un gasta máis do que ingresa, e xa que logo é sempre o debedor o que debe pagar pola súa mala cabeza. Pero a situación é diferente de se analizar desde outra perspectiva.

 Os economistas poskeynesianos (seguindo en gran medida ideas suxeridas por Marx e Rosa Luxemburg) mostraron -en especial Minsky e Keen- que o endebedamento privado é consubstancial a unha economía capitalista en crecemento onde as empresas realizan investimentos cando aínda non existe demanda (e onde os consumidores adiantan a compra de bens de consumo duradeiros, como a vivenda ou os automóbiles). Nestas economías o sector financeiro xoga un papel autónomo respecto ao capitalismo produtivo e coas súas decisións facilita este sostido proceso de endebedamento. É evidente que este feito engade un novo elemento de inestabilidade ao sistema por canto as decisións do sector financeiro poden promover procesos especulativos e dar lugar a “esquemas de Ponzi” que ao cabo acaban por xerar crises financeiras e recesións. A evolución económica neoliberal, co seu enorme proceso de transformación do sistema financeiro, ampliando os mecanismos que permiten a creación de diñeiro e alentando novos ámbitos de ganancia especulativa, xerou novas modalidades de acción que, por unha banda, facilitan a persistencia do modelo pero, por outra, son unha nova fonte de tensións futuras.

 De feito, a resposta dada á última crise non só en termos de salvamento público do sistema financeiro senón tamén dunha política monetaria totalmente laxa por parte dos grandes bancos centrais (Banco Central Europeo, Reserva Federal) facilitou a supervivencia de moitos bancos a cambio de manter o endebedamento global. É ben probábel que o auxe das empresas de investimento que están pasando a controlar unha gran parte das empresas produtivas teña que ver tanto co seu doado acceso ao crédito como ao mantemento do endebedamento global.

 No caso dos estados a situación é algo diferente. O seu endebedamento pode ser a combinación de tres elementos diversos: un baixo nivel de ingresos tributarios, un gasto desmesurado ou a asunción de débedas de terceiros. Na crise recente o crecemento foi produto en primeiro lugar da caída dos ingresos (no Estado español o colapso da burbulla financeira-inmobiliaria provocou unha caída drástica dos impostos que estaban asociados á compravenda de vivendas) e, en segundo lugar, da asunción de débeda bancaria. Unha vez que estes dous factores se fixeron visíbeis, a Unión Europea adoptou unha política de axuste, en teoría deseñada para reducir o déficit e o endebedamento, que na práctica o incrementou (no Estado español o nivel de endebedamento público case se duplicou desde a adopción das políticas de axuste en 2010) debido a que os recortes no gasto público xeraron unha nova recesión e unha conseguinte caída dos ingresos públicos; unha situación que ten difícil solución mentres sigamos instalados na persistente política de rebaixar impostos con fins ideolóxicos, culturais ou para satisfacer os intereses dos sectores sociais de maiores ingresos. O endebedamento público acaba sendo ao mesmo tempo moitas cousas á vez: o resultado de políticas económicas mal deseñadas ou insensatas; un mecanismo para favorecer unha redistribución da renda cara aos ricos e un recorte sostido de servizos e provisións públicas; unha cortina de fume que oculta as tendencias innatas do capitalismo en prol do endebedamento global; unha lexitimación do capital financeiro como gardián da boa orde económica.

 O endebedamento é sen dúbida un factor potencial de desestabilización, sobre todo cando se produce un cambio brusco de política monetaria e os créditos a baixos xuros se encarecen de vez (como ocorreu na década dos oitenta e en menor medida en 2007 en Europa). Ou como pode ocorrer agora tras un período de diñeiro case gratis para o sector financeiro. E xa sabemos por experiencia que ocorre cando o capitalismo se desestabiliza. Certamente a débeda ameaza con convulsións profundas. Por desgraza non é a única, aínda que si a que máis preocupa á visión económica convencional (para a que os problemas ambientais, as desigualdades extremas, o paro e a marxinación de importantes capas sociais son simples elementos retóricos aos que aludir cando iso é inevitábel). É unha mostra máis dun sistema social que xera desastres sen fin pero que se mantén porque segue garantindo un modelo de vida que lle resulta atractivo a un volume suficiente de xente, porque conseguiu xerar unha hexemonía social mesmo sobre boa parte das súas vítimas, porque salvo en períodos moi curtos non contou con experiencias alternativas suficientemente consistentes. E, así, seguimos pendentes de que a nova crise da débeda acabe provocando un novo cataclismo social a curto prazo, e seguros de que, de non mudar o modelo, o cataclismo ecolóxico ou o xerado pola expansión da desigualdade no vai levar a un período de barbarie a escala planetaria.

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras Tanto, núm. de maio de 2018]

Volver