A Área Pública da CIG reclama a recuperación real dos salarios, a eliminación da taxa de reposición e o reforzo dos servizos públicos

Concentrouse no Parlamento coincidindo co debate do Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para 2022

Nacional -

Con motivo do debate no Pleno do Parlamento do ditame do Proxecto de Lei Orzamentos da Xunta para 2022 e da correspondente Lei de Acompañamento (que determina as condicións do persoal empregado público), a CIG concentrouse este martes diante do Pazo de Hórreo na defensa do emprego nas administracións públicas, para esixir incrementos salariais que realmente permitan recuperar o poder adquisitivo perdido e pola recuperación e fortalecemento dos servizos públicos.

Tres demandas básicas, subliñou Luis  Carballo Pose, voceiro da Área Pública da CIG, que nin os Orzamentos da Xunta nin os Orzamentos Xerais do Estado posibilitan xa que conteñen un mínimo incremento dos salarios do 2%, ao tempo que se manteñen as taxas de reposición de efectivos. "Estamos diante duns orzamentos que consolidan o empobrecemento dos salarios, a destrución de emprego e os recortes nos servizos públicos", denuncia Carballo.

Sinala que o Goberno español impuxo un incremento do 2% dos salarios para o persoal das administracións en 2022, cando a taxa interanual do IPC acadou xa en novembro o 5,5%. "E incluso co IPC estimado do 1.5% para o próximo ano e a suba do 2% non chegaría para afrontar unha recuperación real do poder adquisitivo que perderon os salarios do persoal empregado público nos últimos 11 anos, que foi de máis dun 13%", incide.

De aí que a CIG propoña que a suba sexa do 5% anual no período 2022-2024, estabelecendo unha cláusula de garantía salarial para este período (asegurando ao final de cada ano que se subirá o equivalente ao IPC se este estivo por riba da suba), así como regular a recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas xa no ano 2010 polo Goberno de Zapatero e que aínda non se recuperaron.

Neste punto, Carballo critica que a Xunta de Galiza é a única administración autonómica que segue sen pactar coas organizacións sindicais a devolución das contías das pagas extraordinarias que lle foron detraídas ilegalmente aos traballadoras e ás traballadoras da administración galega entre 2013 e 2016.

Necesidade de eliminar a taxa de reposición

Xunto a isto, con esta concentración, a CIG denuncia que, malia autoproclamarse o máis progresista da historia, o Goberno español de coalición négase a suprimir as taxas e reposición que dende hai unha década veñen estrangulando o funcionamento das distintas administracións públicas, ao impedir a reposición dos efectivos necesarios, afondando así no desmantelamento dos servizos públicos e nas escandalosas taxas de temporalidade no sector público.

"Será imposible corrixir o enorme problema da temporalidade e garantir uns servizos públicos de calidade mentres teñamos a lousa da taxa de reposición, que con carácter xeral está nun insuficiente 110%. Dende a CIG levamos anos reclamando a súa eliminación para poder crear emprego neto e para que as administracións poidan dimensionar os seus cadros de persoal segundo as súas necesidades reais", explica o voceiro da Área Pública da CIG.

Pose critica que os orzamentos que ano tras ano se aproban tanto no Estado como na Xunta  afondan no desmantelamento dos servizos públicos, avanzando cara a súa externalización e privatización. Como exemplo, sinala o contrato adxudicado a Tragsatec para realizar a xestión das solicitudes do Ingreso Mínimo Vital , a privatización por anacos do Castrato, ou os contratos da Xunta con Tragsatec para a realización de informes e control nunha área tan sensíbel como o patrimonio arqueolóxico.

"Estes son tres exemplos, pero a privatización na xestión e prestación dos servizos públicos dáse en todas as administracións e en todos os ámbitos -aínda que cunha especial intensidade no sectores relacionados cos coidados-, destruíndo así emprego público, precarizando os servizos públicos e as condicións de traballo para engordar os beneficios das empresas privadas a conta dos cartos de todas e de todos nós", conclúe.

Volver