A asemblea de GKN aposta pola folga contra a decisión da empresa de despedir 72 persoas
A asemblea de persoas traballadoras da compañía viguesa do sector da automoción GKN Driveline celebrada hoxe apostou por convocar folga contra a decisión da empresa de aplicar un ERE extintivo que afectaría a 72 empregados/as. Tras o encontro o cadro de persoal percorreu en manifestación a distancia entre as instalacións da fábrica e Praza América en defensa de todos os postos de traballo.
Na marcha que tivo lugar ao mediodía participaron arredor máis dun milleiro de persoas -xa que ás 725 que compoñen o cadro de persoal sumáronse familiares, amizadas e persoas traballadoras doutras empresas do sector- ao berro de “Non ao ERE en GKN” e “Dirección dimisión”. Trátase da primeira das mobilizacións anunciadas polo comité de empresa para rexeitar os despidos.
Previamente, por volta das 11:00 horas, celebrouse unha asemblea no aparcadoiro da empresa na que se abordou a situación e se acordou promover unha convocatoria de folga e continuar coas protestas. “Tomamos nota do mandato da asemblea, polo que mañá mesmo poreime en contacto cos secretarios das seccións sindicais para formalizar unha convocatoria de folga”, tal e como sinalou o presidente do comité, Pedro Velasco, da CIG.
O responsábel sindical queixo deixar moi claro que o cadro de persoal non vai permitir de ningún xeito que a dirección lle falte ao respecto ás persoas traballadoras. “Até aquí chegamos; non podemos permitir ningún despido en GKN Vigo, porque no momento no que nos poñamos de perfil e permitamos un despido é o fin da empresa. Así que convocatoria de folga, unión sindical e forza”, rematou.