A asemblea de traballadoras do siderometal de Ourense dá por bo o preacordo de convenio
A asemblea de traballadoras do sector do siderometal da provincia de Ourense celebrada onte deu por bo o preacordo de convenio colectivo pactado entre a patronal e os sindicatos CIG e UGT. Contempla unha suba salarial total do 11% nos tres anos de vixencia e unha redución de xornada de oito horas en 2027.
O preacordo foi ratificado por 109 a favor, 9 en contra e tres abstencións no encontro celebrado a última hora da tarde na Casa Sindical, no que se analizou o contido dunha proposta que terá que ser asinada polas partes unha vez se proceda á súa redacción definitiva.
O texto contempla un convenio a tres anos (2025-2027) cun incremento de soldos do 3,5% en 2025, con carácter retroactivo dende xaneiro; do 4% en 2026; e do 3,5% en 2027, máis un plus de asistencia de dous euros diarios. Neste último ano tamén se aplicará unha redución da xornada anual de oito horas. Ao mesmo tempo, pactouse unha cláusula de revisión salarial que se activará a partir do 11%, cun tope de incremento do 3%.
O secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, valorou positivamente un acordo que foi posíbel “grazas co compromiso” e á “capacidade de loita” do persoal do sector, “que unha vez máis demostrou a utilidade de saír á rúa para reivindicar dereitos laborais e para mellorar as propostas iniciais da patronal”.
Neste senso, lembrou que a intención do empresariado ao comezo das negociacións pasaba por unha suba salarial do 7% e por un plus de asistencia sen incremento económico, “mais coa presión das persoas traballadoras, que secundaron masivamente as xornadas de folga e as mobilizacións, fomos quen de arrincar mellores condicións, como levamos facendo en cada negociación de convenio dun sector que en seis anos acumulará unha suba salarial do 32% (15% no anterior convenio e 11% neste, ao que se lle suma un 6% de antigüidade”.
Con todo, recoñeceu que o acordo non cumpre totalmente as expectativas ao non conseguirse a revisión salarial anual e ao non consolidar a redución de xornada.