A asemblea do persoal de IKF decide continuar coa folga até lograr un acordo coas súas demandas

O comité denuncia a pasividade da Xunta diante da chantaxe e das presións da transnacional francesa

A Guarda -

A asemblea de traballadores/as de IKF decidiu onte continuar coa folga indefinida até lograr un acordo que recolla as súas demandas, que pasan por manter os dereitos laborais adquiridos tras décadas de negociación colectiva. Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, denuncian a pasividade da Xunta diante da chantaxe e as presións da transnacional, que insiste en impoñer a prolongación da dobre escala salarial que suporía diferencias de 5200 euros anuais entre persoal que desenvolve as mesmas funcións.

Os empregados/as de IKF, que levan máis de 60 días de paros, apostan deste xeito por manter a súa loita para forzar a dirección a dar marcha atrás na súa intención de precarizar as condicións laborais. “Queren cargarse o pacto de empresa que custou 40 anos conseguir; para nós é fundamental a supervivencia da compañía, pero non a calquera prezo; por iso a Xunta ten que volcarse na defensa do emprego, pero teñen que ser postos de traballo dignos, non en condicións de pobreza e miseria”.

Así de contundentes se amosan dende a representación do cadro de persoal e dende a CIG-Construción a medida que pasan os días e o conflito de IKF ameaza con cronificarse como consecuencia da desidia da Administración autonómica. “É incríbel que dende que os traballadores/as foron ao Parlamento hai 15 días a conselleira da Traballo aínda non atopase un oco na súa axenda para manter unha xuntanza nin con eles/as nin coa empresa, unha das máis importantes do Baixo Miño, unha zona cun grave problema de desindustrialización”, lamentan. 

Para nós é fundamental a supervivencia da empresa, pero non a calquera prezo

Por iso inciden en que a pesar da inacción do Goberno galego, que ten plenas competencias en materia industrial, non van permitir “que unha transnacional coma esta, que factura máis de 3000 millóns de euros ao ano, veña a rematar cunha das poucas grandes empresas da comarca que contaba con certos dereitos laborais”. E censuran que para conseguilo a dirección estea botando man dunha campaña de “acoso e derribo” baseada na “chantaxe e nas presións”.

Dobre escala salarial

Lembran que o principal atranco da negociación segue a ser a intención da empresa de prolongar até 11 anos a dobre escala salarial que establece diferencias de 5200 anuais para as mesmas categorías laborais. A pesar de que polo de agora esta medida só afecta a tres empregados/as a práctica totalidade do cadro de persoal de produción está a secundar a folga e as mobilizacións en solidariedade cos compañeiros/as e en defensa das súas condicións de traballo.

Neste senso, teñen moi claro que a intención última da empresa é ir desfacéndose dos operarios/as que lles saen “máis caros/as” para ir contratando persoal con soldos máis baixos. “Pero os afectados/as están dispostos/as a chegar a onde faga falta para evitalo”. Finalmente, lamentan tamén o papel que están a xogar os medios de comunicación públicos, “que seguen a ocultar o conflito a pesar de tratarse dunha das principais empresas da bisbarra”.

Volver