A asemblea do persoal apoia unanimemente o preacordo e desconvoca a folga en TUSSA

Asinarase o 1º convenio que unifica as condicións tan dispares que coexisten nesta sociedade pública

Santiago -

Na noite do mércores, o preacordo alcanzado no día anterior foi apoiado unanimemente pola asemblea de traballadores e traballadoras de TUSSA, co que remata así o conflito que no último mes mantivo mobilizado a todo o cadro de persoal e supón ademais a desconvocatoria de folga prevista para os días 24 e 25 de xullo.

Nos últimos días sucedéronse reunións cos responsábeis de TUSSA e tamén municipais nos que se puideron desbloquear as posicións empresariais que impedían o acordo final. Este documento, referendado agora pola asemblea, inclúe tamén a aceptación de todas os puntos tratados con anterioridade e reflectidos nas actas da mesa negociadora "polo que agora queda pendente a redacción final de parte do articulado do primeiro convenio de TUSSA, unha vez que a parte económica e de dereitos sociais está negociada e pechada", sinala o comité.

Unificación das condicións laborais e salariais

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e terá vixencia desde esa data até o 31 de decembro de 2024. Inclúe unha cláusula que permite, a partir de aí, que se actualicen os salarios automaticamente -no caso de que non haxa denuncia previa- nas mesmas contías que se fixen nese ano para a función pública.

Ademais desbloquea a suba pendente de 2020 que finalmente será do 1,9% e que será abonada a partir tamén do 1 de xaneiro de 2022, cos seus respectivos atrasos.

As condicións pactadas supoñen igualar nas mesmas a todo o cadro de persoal, a quen neste momento se lle aplican o antigo convenio de Setex Aparki, o convenio galego de aparcadoiros ou o provincial de oficinas e despachos, respectivamente.

Rómpese así cunha situación que provocaba importantes diferencias salariais e de condicións sociais. A antigüidade pasa a un máximo do 25% do salario base en trienios, se ben quen provén dun convenio superior manterá o seu tramo como condición máis beneficiosa e consolidada no convenio. Tamén se introduce un plus de compensación para quen, por condicións do servizo, teña que ter xornada partida.

Un acordo froito da mobilización

O comité de empresa destaca que foi a unidade sindical e a unión dos diferentes colectivos nun obxectivo común o que lle permitiu á comisión negociadora ter a forza necesaria para acadar este acordo, que cualifican de "moi satisfactorio".

Desde que se iniciou a situación de parálise da negociación, foi unánime o apoio ás medidas mobilizadoras e moi alta a participación nas mobilizacións e medidas de presión, "que lograron desbloquear unha negociación atascada desde había meses na que se dicía que era imposible o que hoxe xa é unha realidade coa sinatura do acordo".

Volver