A Asociación de Veciños/as de Lavacolla solidarízase co persoal da liña de autobús do aeroporto de Santiago

Os traballadores/as foron despedidos/as ao non garantir o Concello a subrogación

Santiago -

A Asociación de Veciños/as de Lavacolla vén de solidarizarse coa situación dos condutores/as da liña de autobús do aeroporto Rosalía de Castro, que foron recentemente despedidos/as ao non garantir o Concello de Santiago a súa subrogación por parte da concesionaria do servizo de transporte urbano.

O colectivo veciñal desta parroquia compostelá, á que daba servizo a liña, emitiu un comunicado de apoio aos traballadores/as no que deixa aberta a posibilidade de realizar mobilizacións pola perda de calidade no servizo e para que se repoñan os dereitos laborais do cadro de persoal. 

A FGAMT-CIG responsabiliza directamente o Concello de Santiago da situación

Pola súa banda, a FGAMT-CIG de Santiago sinalan que os empregados/as despedidos/as están a vivir unhas datas de Nadal “moi complicadas” dende que o pasado día 23 de decembro “se atoparon do día para a mañá sen traballo”.

Segundo denuncian, esta “dramática situación” é responsabilidade directa do Concello de Santiago polo “despropósito” de outorgar a liña á concesionaria do transporte urbano “sen contar cos traballadores/as que viñan realizando a liña, nalgún caso logo de máis de 20 anos no mesmo servizo”.

Neste senso, lembran que no ano 2018 o Goberno local solicitou formalmente facerse cargo da liña, que até ese momento xestionaba a Consellería de Mobilidade. “Por iso na seguinte concesión a Consellería non sacou esa liña a concurso dado que xa era de responsabilidade municipal”. Porén, en todo ese tempo o Concello non licitou o concurso do transporte urbano, que está prorrogado dende o ano 2015. “Como pode ser que, sendo da súa exclusiva responsabilidade, non se tivera en conta que con esa decisión política deixaban na rúa os condutores/as?”, pregúntanse dende a FGAMT-CIG.

Mala xestión municipal

E é esa “mala xestión municipal” a que provoca a situación actual onde os traballadores/as non só non foron subrogados/as, senón que non cobraron liquidación algunha nin poden tramitar o desemprego. “O Goberno local coñecía, xa que era público dende xullo, que as concesións da Xunta remataban o 22 de decembro, polo que era a súa responsabilidade a partir de aí, tamén o que ocorrera co persoal”.

Finalmente, dende a FGAMT-CIG acusan igualmente a Empresa Freire, a anterior concesionaria, e ao Grupo Monbus, que se fixo cargo das liñas, de “xogar cos postos de traballo” destes/as condutores/as, ao tempo que reclaman a súa “subrogación inmediata”.

COMUNICADO ÍNTEGRO DA AVV DE LAVACOLLA

Os veciños/as de Lavacolla non entendemos da reestruturacións do transporte de viaxeiros/as en Galicia, nin de concesións, nin de pregos de condicións… Entendemos de persoas. Cando es usuario/a habitual dunha liña de autobús, neste caso a liña Santiago-Aeroporto, os condutores/as deixan de ser meros traballadores/as para converterse en amigos/as, e nalgún caso familia.

Recentemente, a empresa que viña prestando este servizo deixou de facelo e a liña pasou a depender do Concello de Santiago de Compostela. A nosa sorpresa foi máxima ao comprobar que os condutores/as, algúns deles veciños/as nosos/as e que, con tanta dedicación, nos levaban aos nosos destinos, quedaron na rúa.

Non entramos a valorar o deterioro do servizo en canto a tempo de viaxe (atrasos de 10 minutos nun momento en que o número de usuarios/as, por mor da situación que estamos a padecer, descendeu en máis do 70%), e en canto ao equipamento dos novos autobuses (sen espazo para maletas e menos asentos).

O noso malestar vén polo feito de que os nosos compañeiros/as de viaxe quedaron desprotexidos/as. Da noite á mañá vense sen o posto de traballo que era o sustento principal das súas familias.

Non é labor dos nosos gobernantes velar polo benestar dos nosos/as veciños/as? Como é posible que un organismo público se faga cargo dun servizo sen contar cos empregados/as que o viñan desempeñando?.

Dende a Asociación de Veciños/as de Lavacolla queremos manifestar o noso descontento e o apoio incondicional a estas familias, e non descartamos mobilizarnos para defender os seus dereitos.

Volver