A Audiencia Nacional arquiva a denuncia da CIG contra a excúpula de Caixa Galicia

Mentres xulgan ás cúpulas de Bankia ou a CAM, a de Caixa Galicia nin foi investigada
Nacional - 31 Mai 2017

O Xulgado Central de Instrución nº 1 da Audiencia Nacional decidiu, en base ao informe da fiscalía, arquivar a denuncia presentada pola CIG contra o exDirector Xeral de Caixa Galicia e contra o resto da excúpula Directiva. Unha vez máis a tentativa da central sindical para conseguir que se esclareza o que aconteceu en Caixa Galicia tropeza coa xustiza española, nomeadamente coa Fiscalía.

No ano 2011 a CIG presentou ante a Fiscalía Xeral do Estado unha denuncia para que se investigasen as indemnizacións recibidas e a daquela baixa valoración de novacaixagalicia. A Fiscalía abriu unha investigación, pero centrada fundamentalmente nas indemnizacións millonarias dos Directivos procedentes de Caixanova, malia que o exDirector de Caixa Galicia marchou cunha indemnización multimillonaria.

No ano 2014 a CIG presentou unha querela na Audiencia Nacional contras as excúpulas Directivas de Caixa Galicia e Caixanova pola emisión de preferentes e obrigas subordinadas que foron comercializadas en tramo minorista. No ano 2015 a Audiencia Nacional arquivou o caso alegando non ser competente.

Feitos “prescritos”

Agora, ante a denuncia presentada en 2017, a Audiencia Nacional parece ser competente, pero en base ao informe da Fiscalía entende que os feitos estarían prescritos.

Pola súa banda a fiscalía di que, malia entender que a competencia para investigar os feitos é da Audiencia Nacional, a causa debe arquivarse por estar prescritos os feitos denunciados.

Céntrase a fiscalía en que “se denuncia la comisión de un delito de falseamiento de cuentas anuales por parte de los administradores de una sociedad, previsto y penado en el artículo 290 del código penal, castigado con pena de hasta 3 años de privación de libertad; los hechos denunciados habrían tenido lugar en los años 2008 y 2009 y por lo tanto estarían claramente prescritos en el momento de presentación de la denuncia, 4 de abril de 2017”.

Desde a CIG critícase que a fiscalía se centre exclusivamente nun dos posible delitos denunciados, pero non no resto. E lembra que a denuncia foi interposta ante o Xulgado Central de Instrución, despois de tentar infrutuosamente presentala na propia Fiscalía da Audiencia.

Por último subliña que mentres as cúpulas de Bankia, ou da CAM (acaba de abrirse o xuízo esta mesma semana) están sendo xulgadas, a cúpula de Caixa Galicia, entidade tamén quebrada no 2009, “nin sequera foi investigada pola xustiza española. E non será porque dende a CIG non o tentamos”.