A ausencia de test para detectar a covid, detrás dos contaxios entre o persoal de ambulancias da área de Vigo

A CIG leva meses denunciando a falta de medidas de prevención por parte de Ambulancias do Atlántico
Vigo - 02 Nov 2020

A ausencia de test para detectar a covid e a falta de medidas de seguridade está detrás dos últimos contaxios detectados entre o persoal do servizo de transporte sanitario urxente da área de Vigo, tal e como denuncian os delegados/as da CIG. De feito, a central leva mesas alertando da escaseza de medidas de prevención por parte da empresa concesionaria, Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem.

Unha decena de traballadores/as do 061 de Vigo e Moaña atópanse illados tras os dous positivos por covid rexistrados na base de Moaña. O primeiro caso confirmouse a finais da semana pasada, “pero como dende abril só nos fixeron unha proba serolóxica o positivo non se detectou con rapidez e o técnico afectado contaxiou a outra compañeira”, segundo denuncian os delegados/as da CIG no servizo de transporte sanitario urxente.

De feito, sosteñen que a empresa “non fixo nada” e que foron os propios/as afectados/as os que tiveron que contactar con Atención Primaria e cos servizos sanitarios autonómicos.

Tanto o número de positivos como o de illados podería incrementarse nas próximas horas, tendo en conta que cando menos un dos contaxiados participou nunha xornada de formación da empresa xunto a outros/as compañeiros/as. Con todo, a empresa mantén unha política de opacidade e o servizo de prevención non informa os representantes sindicais.

Ao mesmo tempo, sinalan que esta situación é consecuencia da falta de medidas de seguridade por parte da concesionaria, tal e como veñen manifestando dende o mes de marzo con denuncias na Inspección de Traballo. Entre elas, a falta de limpeza dos centros de traballo (labores que non se fan a diario), o feito de que nos tempos de descanso teñan que compartir habitación (o que lles obriga a durmir coa máscara posta) e a ausencia de EPI axeitadas, como máscaras FPP3 para determinadas circunstancias. 

Atasco na Inspección

Unha decena de traballadores/as atópanse illados tras o positivo de dous compañeiros

Hoxe mesmo mantiveron unha xuntanza coa Inspección na que a autoridade laboral lles confirmou que existe un “atasco importante” para darlle resposta a estas denuncias, “aínda que nos asegurou que se puxo xa ao tema”. Con todo, trasladáronlles que carecen de competencias para obrigar as empresas a levar a cabo test entre o seu persoal.

“Detrás de todo isto o que se agocha é o intento da empresa de aforrar custes, que é o mesmo que busca o Sergas cando subcontrata o servizo; semella que dá igual o que nos pase porque non somos persoal do Sergas senón dunha empresa concesionaria”, lamentan.

Neste senso, lembran que aos traballadores/as dos centros sociosanitarios, de urxencias dos hospitais e das plantas con pacientes covid si que se lles realizan probas de control periódicas mediante o método diagnóstico pooling, ao igual que se fai en empresas como Citroën ou Ence. “Pero o que prima é a produtividade, e como nós non producimos nada pois non importamos”.

E non se lles someten a probas a pesar de que teñen contacto cos mesmos pacientes ca estes colectivos profesionais e que en moitas ocasións “temos que atendelos en espazos hostís, como en domicilios sen desinfectar ou con xente ao redor que incluso está sen máscaras, e practicamos probas en habitáculos reducidos que xeran aerosois”.