A austeridade

Antoni Soy - 14 Dec 2022

A austeridade é un proxecto político que nace da necesidade de conservar as relacións capitalistas de dominación de clase. É o produto dunha acción colectiva para excluír calquera alternativa ao capitalismo

 As políticas de austeridade concrétanse en: recortes dos gastos sociais (educación, sanidade, vivenda pública, subsidios de paro), fiscalidade regresiva, deflación, privatización, diminución dos salarios reais, empeoramento das condicións e os dereitos dos traballadores. Consideradas globalmente, estas políticas aumentan a riqueza das elites e consolidan a supremacía do sector privado. Cousa que, segundo os economistas ortodoxos, é o que permitirá levar o país cara á prosperidade.

 Como explicou moi ben Clara E. Mattei, economista italiana e profesora á New School of Social Research da cidade de Nova York, nun libro moi saliéntabal saído recentemente (The Capital Order: How Economists Invented Austerity and Paved the Way ton Fascism, publicado ao mesmo tempo en italiano), a austeridade confirmouse despois da 1.ª Guerra Mundial, e atopou a súa máxima expresión simultánea na Gran Bretaña liberal e tecnócrata e na Italia fascista. Foi a maneira que atoparon os economistas gobernamentais para restaurar a orde capitalista fronte ás crises sistémicas que os resultados da guerra provocaron a diferentes países.

 Nun momento en que medraba a inflación monetaria e se sentían ventos revolucionarios provenientes da URSS, mais non só, a austeridade foi o instrumento máis eficaz (e aínda o é) para que non se puxese en cuestión o capitalismo. A austeridade permitiu a transferencia dos recursos da maioría (traballadores e clases populares) á minoría elitista de aforradores/investidores e así obrigou a maioría a aceptar as súas condicións e a dependencia do mercado. Tamén  contribuíron os expertos nunhas teorías económicas que presentaban o capitalismo como o único e o mellor dos mundos posíbeis. De feito, xurdiu daquela para dar resposta ás alternativas ao capitalismo que seducían a moita xente en moitos países europeos naquel momento.

 A austeridade, como fenómeno do século XX, concretouse como un proxecto tecnocrático baixo a dirección do estado nun momento dun grande empoderamento político da cidadanía (conseguen o dereito de voto) e de demandas crecentes de democracia económica. A austeridade é a reacción antidemocrática ante a ameaza dun cambio social desde baixo. E baseábase en dúas estratexias: o consenso e a coerción. Consenso para convencer a opinión pública da necesidade dunhas reformas que permitirían a estabilización económica. Coerción porque pensaban que non poderían persuadir a xente e, polo tanto, as decisións económicas pasaron a tomarse por institucións tecnocráticas, sobre todo polos bancos centrais, que coa manipulación dos tipos de xuros influían nos salarios e a ocupación. Era a cara monetaria da austeridade.

 Desde o punto de vista fiscal, a austeridade baseábase (e baséase aínda) nuns impostos regresivos e nuns recortes ao gasto público “improdutivo”, particularmente as políticas sociais (sanidade, educación, servizos sociais, vivenda…). Finalmente, a austeridade industrial concrétase en políticas industriais autoritarias (despedimentos no sector público, diminucións salariais, represión antisindical, supresión das folgas…), tutela das relacións salariais entre capital e traballo que facilita a compresión dos salarios da maioría a favor dos beneficios das elites. No pensamento económico dominante, os conflitos entre as clases sociais desaparecen e defenden unha harmonía entre todos os individuos: as elites son as que demostran ter máis virtudes económicas e a súa pescuda do beneficio acaba favorecendo todo o mundo.

 A historia da contraofensiva da austeridade contra as clases subalternas empeza a partir de dúas conferencias financeiras internacionais, en Bruxelas (1919) e en Xénova (1922) –onde se decide a importancia da independencia dos bancos centrais–, e empeza a aplicarse en Gran Bretaña (un país democrático) e na Italia fascista. Pero a austeridade transcende as diferenzas ideolóxicas e institucionais e leva os países a conseguiren un obxectivo básico similar: a necesidade de rehabilitar a acumulación capitalista nun contexto en que o capitalismo perdeu a súa inocencia e revelou as súas tendencias clasistas.

 É certo que en Italia se utilizou unha coerción política e económica directa, mentres que na Gran Bretaña se puxo a tecnócratas, aparentemente apolíticos, á fronte do Tesouro e da Banca de Inglaterra, pero obtiveron finalidades similares en canto á deflación monetaria e aos recortes dos gastos públicos. Os economistas fascistas italianos e os tecnócratas británicos concordaban en que a mellor maneira que a economía funcionase como debía era que as institucións económicas quedasen fóra do control democrático. Coincidían en dicir que para garantir a liberdade económica (a liberdade dos mercados e particularmente dos aforradores/investidores “virtuosos”) os países tiñan que sacrificar, en graos diversos, as liberdades políticas. En ambos os casos as elites lograron unha restauración indubidábel da estrutura de clase capitalista.

 A austeridade –monetaria, fiscal e industrial– foi un ataque moi duro ás clases populares e ás súas expectativas de obter un sistema económico alternativo. Neste sentido, o retorno da xerarquía nas relacións salariais a favor do capital é probabelmente o trazo distintivo máis importante da austeridade. E, polo tanto, prodúcese tamén un aumento da taxa de explotación dos traballadores -tanto se se mide pola cantidade da Renda Nacional que vai aos salarios (diminuíndo) e aos beneficios (aumentando), como pola relación entre os aumentos da produtividade (máis altos) respecto dos incrementos dos salarios (máis baixos)- e un aumento dos beneficios dos propietarios do capital. Unhas tendencias que hoxe, un século máis tarde, persisten.

 Se se exclúen os chamados “trinta anos felices” ou “idade de ouro” (1950-1980), en que hai un boom económico, a austeridade é unha constante do capitalismo moderno con crises recorrentes. Aínda así, se se considera a austeridade como unha reacción ás crises sistémicas do capitalismo (e non como unha simple reacción a problemas económicos conxunturais –inflación, deflación-), faise patente que a austeridade é unha cuestión vital para a defensa do sistema capitalista. A crise capitalista prodúcese cando o seu carácter fundamental (a venda de produtos para obter un beneficio) e as condicións para conseguilo (a propiedade privada dos medios de produción e as relacións salariais entre empresarios e traballadores) son postos en cuestión polos traballadores e as clases populares. A función primaria da austeridade é a de poñer dificultades a calquera proposta a favor dos traballadores e de evitar calquera alternativa ao capitalismo.

 Empezou e serviu aos obxectivos que se mencionaron nos anos 1920. Volveu aparecer coa crise de finais dos anos 1970, posteriormente para conseguir a adhesión dos países, especialmente os do Sur europeo, ao Tratado de Maastricht (1992) –que significou a abolición da escala móbil dos salarios–, coa introdución do euro (e a conseguinte perda da soberanía monetaria), e a crise da débeda pública (2011). Cando a contestación popular contra a orde capitalista é forte, a única maneira de lograr os fins intrínsecos da austeridade é a través do autoritarismo. A mestura de autoritarismo, experiencia económica e austeridade é recorrente na historia contemporánea. Así, pódense lembrar, entre outros, os casos de Pinochet e os Chicago Boys en Chile, o de Suharto en Indonesia cos Berkeley Boys (1967), ou os expertos (Harvard Boys) ao transformar a URSS na nova Rusia capitalista (1993). E a mesma lóxica aparece para facer fronte á crise de 2008, á crise da Covid ou coa inflación actual. Sempre para salvar a grandes institucións financeiras e grandes empresas.

 A austeridade funcionou (e aínda funciona) para restaurar as condicións óptimas para a acumulación do capital, grazas a un aumento do paro, salarios máis baixos, aumento da explotación dos traballadores e incremento da cota de beneficios. A verdadeira medida da eficacia da austeridade é a súa capacidade para impor e reforzar unha estrutura de clase, de servir e protexer a orde capitalista. Dándolle a forma de loita contra a inflación e de conseguir o equilibrio das contas públicas os economistas traballaban, e continúan facéndoo, no servizo dun obxectivo esencial: a subordinación da maioría da cidadanía á orde económica dominante (o capitalismo). Así pois, a austeridade é un proxecto político que nace da necesidade de conservar as relacións capitalistas de dominación de clase. É o produto dunha acción colectiva para excluír calquera alternativa ao capitalismo. A austeridade comporta a intervención activa do estado para reforzar a acumulación capitalista mediante as privatizacións, o rescate dos complexos financeiros e industriais, a deflación monetaria e sobre todo o control coercitivo do traballo.

 Así pois, como explica Mattei, a austeridade foi unha tendencia recorrente nos séculos XX e XXI cunhas consecuencias para a sociedade previsíbeis e devastadoras, sobre todo para as clases traballadoras e populares.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 14 de decembro de 2022]