A CIG a prol da diversidade, por unha orientación sexual, identidade e expresión de xénero libres e en igualdade de dereitos

Reitera o compromiso e a aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación do colectivo LGBTI+
Nacional - 25 Xun 2021

O pasado ano denunciábamos a hipocrisía de quen engalanaba xanelas e varandas lucindo as cores da diversidade por parte de administracións públicas gobernadas por organizacións políticas que cuestionan identidades e que negan a posibilidade de exercer os seus dereitos ás persoas LGBTI+, demandando a posta en marcha de medidas dirixidas a paliar os efectos da crise, reforzando os servizos públicos que garantan a igualdade de dereitos e a protección de todas as persoas.

Un ano despois, a situación repítese, tanto por parte de quen tivo a oportunidade de impulsar unha lexislación estatal, como por parte de quen tendo competencias propias na Galiza , mantén condutas discriminatorias.

Recuperamos un ano máis a denuncia da estratexia do PPdeG, quen vén poñendo en práctica unha estratexia deliberada de pinkwhasing (lavado de cara rosa) apelando a súa condición de simpatizantes LGBTI+ co obxectivo de amosar á cidadanía unha imaxe progresista, moderna e tolerante que os afaste da súa faciana máis conservadora, mais cando tivo a oportunidade de aprobar unha lexislación que conlevase sancións, votaron en contra (como aconteceu coa toma en consideración da lei trans no parlamento galego no 2017).

Un exercicio de hipocrisía que continuaron hai preto de dous anos coa creación do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, constituído por tan só 3 colectivos LGBTI+ dun total de 25, e que pese ás denuncias de agresións homófobas e tránsfobas, ou mesmo á campaña instando a unha transición sen sexismo na rede pública de saúde (levada a cabo por asociacións como Avante LGBT+ e Amizando), non foi convocado agás que para a súa constitución.

Instamos a todas as persoas e institucións sen exclusións, a que se sumen á loita e ao combate real e sen fisuras contra as discriminacións, adoptando medidas e accións que muden a situación

 Por outra banda, asistimos a toda unha campaña de manipulación informativa por parte de organizacións políticas como o PSOE que, pese que no pasado apostaban pola regulación dos  dereitos LGBTI+, pretenderon abrir fenda, empregando ao movemento feminista para espallar  un discurso dun “presunto borrado das mulleres”, coincidindo na práctica coa súa argumentación con grupos homófobos e tránsfobos da ultradereita, imposibilitando que haxa debates protagonizados por persoas trans, invisibilizándoas e enmudecéndoas.

Por último, levamos varias semanas recibindo todo tipo de mercadotecnia vinculada á conmemoración do 28 de xuño, porque non podemos esquecer que ao  sistema capitalista interésalle reducila a un formato estritamenteconsumista, lúdico, desposuído da súa carga reivindicativa, banalizando deste xeito a loita social, invisibilizando  e marxinando aos corpos que non responden ao patrón consumista que pretenden impoñer, e borrando a orixe dunha data na que as persoas protagonistas ficaban ás marxes.

Lembremos que a orixe do “orgullo” está no dereito da persoa a ser unha mesma, sen que a discriminen ou a cuestionen por selo. E non nos esquezamos tampouco que se hoxe existe a despenalización das prácticas homosexuais, o recoñecemento legal de novos modelos familiares, da orientación sexual diferente da heteronorma,  a penalización do acoso lgtbfóbico, a existencia dos crimes de odio, o dereito a elixir as relacións afectivo sexuais, a ter un traballo digno, a non ser discriminadas, a ser chamadas polo nome e o pronome escollido, a recibir atención social e sanitaria axeitada, isto foi posíbel grazas aos disturbios e revoltas protagonizadas por persoas trans e homosexuais, que finalmente foron quen de trasladar ás  rúas a reivindicación da igualdade de dereitos, e lograr que estes se incorporaran a nivel xudicial e posteriormente co impulso de políticas públicas.

Por iso a CIG instamos a todas as persoas e institucións sen exclusións, a que se sumen á loita e ao combate real e sen fisuras contra as discriminacións, adoptando medidas e accións que muden a situación, apostando pola inclusión e a visibilidade, que non se queden na apariencia e na decoración multicolor colocada o 28 de xuño,  senón que realicen cambios que estábeis a prol da visibilización dos dereitos de todas as persoas que están nos marxes ou saen dos límites da heterosexualidade e do binarismo de xénero.

Declaración da CIG neste 28 de Xuño

Hai 52 anos, forzas policiais entraban de madrugada no Stonewall, un bar do barrio GreenwichVillage, de Nova Iorque, co beneplácito do poder político, co obxectivo de reprender, castigar e engaiolar as persoas que alí se atopaban.

Como consecuencia da represión, convocáronse manifestacións espontáneas. A revolta, liderada por persoas negras, trans, prostitutas e migrantes, contra os abusos e persecucións das forzas policiais contra o movemento LGBTI+, pola súa disidencia contra a heterosexualidade como norma, supuxo o inicio da visibilización nos espazos públicos e nas rúas do movemento.

Un ano despois, organizaríase unha marcha a prol do “orgullo homosexual”, conmemorando o primeiro aniversario dos disturbios, que se estenderían a nível internacional, posibilitando a formación dunha comunidade unida e combativa contra todas as  barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade afectiva, sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, trans, bisexuais, intersexuais, non binarias, conscientes de que segue a ser necesario esixir o dereito das persoas a vivir en liberdade sexa cal sexa a súa opción afectiva e sexual, a identificación co rol de xénero ou a súa identidade.

Así pois, ante unha nova conmemoración do 28 de xuño de 2021, lembramos a orixe da revolta, nacida como loita de clases, como unha loita antirracista e como unha loita de xénero, que segue vixente e necesaria.

Por iso, desde a CIG,  DENUNCIAMOS:

  • A invisibilización dunha sociedade diversa, as discriminacións, a vulneración de dereitos e as agresións contra as persoas que exercen unha disidencia de xénero, afectiva ou sexual diferente a heteronormativa nas escolas, nos xulgados, nos traballos, nas rúas ou nos lugares de ocio da Galiza.
  • As discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, na protección da saúde con perspectiva de xénero, riscos psicosociais, acoso, despedimentos...), como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas persoas galegas pola súa opción afectivo-sexual, debido ao seu proceso de transición, ou pola súa identidade ou expresión de xénero.
  • Que a pesares das múltiples denuncias contra o Plan galego anti VIH/SIDA e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2015-2018, por vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas ou cunhas prácticas sexuais proclives a contraer sida, o plan non foi modificado, e pese a chegar ao seu remate, non se redactou un novo libre da estigmatización e os estereotipos que contén o anterior, senón que está prorrogado ata o 2022.
  • Sexismo e transfobia na sanidade pública: cuestionamento, condescendencia, infantilización e imposición de estereotipos, violación da privacidade, falta de respecto no uso do nome e do pronome escollido pola persoa.
  • Que a Carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde vincula os tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) á existencia dun trastorno documentado da capacidade reprodutiva, constatada tras un protocolo diagnóstico, ou tras a ausencia de consecución de embarazo despois dun mínimo 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos, excluíndo por tanto, ás mulleres lesbianas (ou aos homes trans que conserven o aparato reprodutor feminino e teñan unha muller como parella) da posibilidade de ser nais.
  • Que malia os distintos cambios de goberno que tiveron lugar no estado español, seguimos a sufrir os efectos dunha lei educativa, que dificulta un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade. Mentres, a hipocrisía da Xunta conduce a graves carencias nos apoios á coeducación, á aplicación de plans de igualdade e protocolos de acosoefectivos nos centros educativos tanto en primaria, como en secundaria, na formación profesional, universitaria, etc., ao tempo que non se apoia claramente a visibilidade da diversidade afectivo-sexual.

Por todo o exposto, ESIXIMOS, un ano máis ao goberno da Xunta:

  • Que garanta o dereito á protección da saúde das persoas trans, incluíndo os tratamentos clínicos necesarios que así se soliciten, como a vaxinoplastia, glotoplastia, faloplastia, mamoplastia, mastectomía, entre outras no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
  • Transición sen sexismo na rede pública de saúde: acceso digno á atención sanitaria, que se permita realizar a transición en base aos desexos das persoas trans e non binarias, e non aos estereotipos e prexuízos do persoal sanitario que as atende.
  • Respecto á diversidade das persoas cuxa identidade rexistral non coincide coa súa identidade de xénero o cal inclúe tanto o respecto polo nome que soliciten que se empregue como o pronome escollido.
  • Acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego por parte daquelas mulleres, persoas non binariasou homes trans que así o soliciten, teñan ou non parella, sexan lésbicas, bisexuais, etc.
  • Dotación orzamentaria que permita poñer en marcha á Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGBTI+ en Galiza, e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade do estado).
  • Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, durante todo o proceso, sen interrupcións, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.
  • A promoción dun ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGBTI+ para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transxeneridade, intersexualidade, ou a pertenza ao xénero non binario, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.Con este fin, promoverase a creación de equipos de igualdade e diversidade en todos os centros educativos.
  • Que se aprobe unha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta o recoñecemento e a existencia da comunidade trans, a través da posta en marcha de medidas no ámbito educativo, sanitario e xudicial.
  • Programas de prevención da LGBTI+fobia, e de asesoramento LGBTI+, dirixidos aos departamentos de orientación e equipos de igualdade e diversidade,dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGBTIfóbico.
  • A modificación da composición do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, garantindo a representatividade e participación de todos os colectivos da comunidade LGBTI++ na Galiza.
  • A nivel laboral, a erradicación das actitudes homo/lesbo/bifóbicas/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación no acceso e mantemento do emprego, que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todo o persoal, con independencia do seu sexo, orientación, identidade ou expresión de xénero. Para tal fin, promoverase a negociación dun protocolo de prevención e actuación ante o acoso por identidade nas empresas.

Desde a CIG reiteramos un ano máis o noso compromiso e a nosa aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación e sumámonos ao orgullo pola diversidade, e á loita LGBTI+ facendo un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos na Galiza en torno ao 28 de xuño, lembrando a todas aquelas persoas que desde as marxes e a interseccionalidade das súas loitas, axudaron a facer da sociedade galega unha contorna inclusiva para todas as persoas que vivimos neste país.