CIG-Abanca denuncia agresivas políticas comerciais e laborais e discriminación de xénero

Realizou 21 concentracións, en distintas vilas galegas, nun mes

Compostela -

Delegados e delegadas da CIG en Abanca percorreron, este 25 de abril, as rúas e barrios de Compostela, coma antes fixeran en Lugo e Ourense, para protestar contra as agresivas políticas comerciais e laborais de Abanca.

A xornada de mobilizacións iniciábase contra as 10 da maña na oficina de Abanca en Rosalía de Castro e percorrería as principais rúas de Santiago rematando ás 13:30 na oficina da Porta de Camiño. Un total de 7 concentracións para protestar polo conflito aberto na entidade.

Obxectivos comerciais mesmo de produtos nos que a clientela pode perder o capital

As protestas teñen coma obxectivo que Abanca deixe de impoñer obxectivos de colocación de produtos complexos ao persoal, tal e como establece a Directiva 2014/65 da UE que protexe á clientela. Denuncia que a empresa “impón obxectivos de vendas, mesmo de produtos complexos (aqueles nos que a clientela pode perder parte do capital) enfrontándose o persoal a recortes salariais, ceses ou incluso despedimentos si non se cumpren”.

Consideran que isto é unha falta de respecto á profesionalidade do cadro de persoal que afecta a empregabilidade mesmo futura, e advirte de que “este tipo de políticas comerciais agresivas xa deron lugar a numerosos escándalos”.

Denuncian que eses obxectivos, sumados a carga de traballo habitual na rede de oficinas, forzan ao persoal a facer horas extras que o banco non paga, compensa e defrauda á Seguridade Social. “Demandamos unha carga de traballo realizable dentro da xornada laboral”, recalcan.

Discriminación das mulleres: 26 millóns de euros no 2018

As protestas tamén buscan forzar a Abanca a poñer en marcha medidas para rematar coa discriminación das mulleres. Os postos mais feminizados teñen maior carga de traballo, pero menores niveis retributivos e menores complementos de posto. Isto tradúcese nunha diferenza salarial de 11.173 euros ano entre homes e mulleres. “En total son 26 millóns de euros de beneficios grazas á discriminación das mulleres”.

Desconexión dixital

A lei establece o dereito á desconexión dixital, pero Abanca o incumpre. Por iso demandan que a empresa deixe de esixir unha dispoñibilidade de 24 horas os 365 días ao ano, tanto pola convocatoria de cursos, reunións, chamadas e correos fóra da xornada laboral, como pola conexión a tempo completo das ferramentas dixitais que facilita ao persoal, nomeadamente as tables surfaces. “Até temos detectado casos nos que se insta ao persoal que está de baixa a levarse as surfaces e traballar dende casa”.

Vindeira xornada de protestas en Vigo

A próxima parada será Vigo o 7 de maio. Eliximos esa cidade polos continuos abusos da Dirección nesa Territorial”, explican. “Din que somos como autónomos, que debemos gañarnos o salario cada día sen ter en conta o horario e que ao que non lle guste que colla a porta”. Se Abanca alenta este tipo de condutas o noso deber é estar na rúa, conclén.

Volver