A CIG acolle a visita do embaixador de Cuba, Marcelino Molina, este xoves

Internacional - 31 Mai 2023

O embaixador de Cuba, Marcelino Molina, celebrará unha xuntanza cunha representación da Executiva da Confederación Intersindical Galega, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, mañá xoves, día 1 de xuño, ás 17:45 horas.

A reunión coincide coa visita que o representante cubano realiza a Galiza nestas datas. Un encontro que se enmarca nas relacións de amizade, solidariedade e cooperación da CIG co pobo cubano e coa súa clase traballadora, nomeadamente a través do sindicato CTC.

Na xuntanza abordaranse cuestións de cara ao futuro, como a apertura de novas canles de colaboración, ademais das xa existentes e reafirmarase o compromiso da central sindical contra o xenocida bloqueo ao que EEUU e os países occidentais teñen sometido ao pobo cubano. De feito, a CIG mantivo unha xuntanza o ano pasado coa Embaixada de Cuba e mantén unha constante colaboración e contacto co Consulado cubano en Galiza.