A CIG acolle as demandas do persoal de Adeslas Dental para combater o intento da empresa de precarizar as condicións laborais

Estuda convocar protestas e denunciar o permiso retribuído e os cambios nas condicións de traballo

Nacional -

A CIG está a organizar e a recoller as demandas do persoal de Adeslas Dental, que conta cunhas/os 200 traballadoras/es en Galiza, para combater os intentos da empresa de precarizar as condicións laborais aproveitando a situación derivada da pandemia do novo coronavirus. A central estuda iniciar accións legais e convocar mobilizacións contra a modificación substancial das condicións de traballo e a aplicación ilegal do permiso retribuído recuperábel.

Adeslas Dental, do grupo Adeslas, que conta con 3600 empregadas/os no conxunto do Estado, ten nove centros de traballo no noso país: dous en Vigo e Coruña e un en Pontevedra, Santiago, Lugo Ourense e Ferrol. Segundo indican dende a CIG-Saúde, o pasado 11 de abril a dirección comunicoulle ao persoal que ían levar a cabo unha modificación das condicións laborais, para o que abrirían unha negociación con CCOO e UGT ao seren os sindicatos con maior representación a nivel estatal. 

A empresa obviou a representación da CIG e quería negociar só con CCOO e UGT

“Pero obviaron que a CIG conta con representación no centro de traballo de Pontevedra, polo que iniciamos contactos coas traballadoras/es do resto de localidades e constatamos que non estaban a ser informadas/os; entón démoslles a posibilidade de que nos cederan a súa representación, algo que aceptaron de xeito moi maioritario”, sinalan.

A partir de aí a central acude á primeira xuntanza, na que a empresa e os outros sindicatos pretendían discutir se a CIG podía participar, “pero deixámoslles claro que imos participar nas negociacións porque así o ratificou coa súa sinatura un número moi importante de traballadoras/es”.

Permiso retribuído ilegal

Dende a central explican que tras a declaración do estado de alarma Adeslas Dental pechou todas as clínicas e mandou a todo o persoal para casa sen adoptar ningún tipo de medida de aforro salarial, polo que seguía ingresando as nóminas, aínda que bastante mermadas ao non incluír as comisións que teñen establecidas.

Pero agora a empresa pretende negociar a recuperación de todas as horas non traballadas, correspondentes a dous meses de soldo, abrindo un proceso para aplicar o permiso retribuído recuperábel. “Entendemos que é algo ilegal, porque hai que negocialo de maneira expresa e a mesa non foi constituída por este motivo”.

Este mércores remataron a negociacións cun preacordo asinado por CCOO e UGT no que aceptan o permiso retribuído e outro sobre a recuperación das horas que ratificou unicamente CCOO, o sindicato con maior representación (10 membros na mesa, fronte a 2 da UGT e 1 da CIG).

Desregularización

A CIG decidiu non aceptar as propostas da empresa porque a dirección négase a que no acordo figure unha garantía expresa do mantemento de todos os postos de traballo, ademais de desregularizarse a aplicación da distribución irregular da xornada e do permiso retribuído recuperábel. “Estabamos en disposición de pactar o permiso retribuído recuperábel, pero sempre que fose dentro dos límites do Decreto que regula a distribución irregular da xornada: non máis dunha hora diaria e sempre dentro dos días de traballo de cada empregada/o, non ampliando a xornada”.

Porque na central teñen moi claro que a empresa o que pretende é aproveitar o contexto para recortar vacacións para cubrir as libranzas ou as licenzas en xornadas nas que as empregadas/os non irían a traballar, ademais de ampliar a xornada aos sábados, algo que non queren as traballadoras/es. “En definitiva, queren deixar sen efecto os convenios colectivos provinciais e precarizar as condicións de traballo”.

Durante todo este proceso a CIG levou a cabo asembleas telemáticas co persoal para recoller as súas demandas e informalo do estado das negociacións. Agora seguirán cos encontros virtuais para analizar o inicio de accións legais e a posibilidade de convocar mobilizacións. “É fundamental que as traballadoras/es se organicen e se manteñan unidas/os para combater os acordos centro a centro”.

Volver