A CIG-Administración Autonómica demanda da Xunta que informe se hai un ERTE en Cualtis, SLU

Advirte que de terse aplicado estaría en cuestión a prevención de riscos laborais para o persoal da administración
Nacional - 28 Abr 2020

Segundo a información recibida pola CIG, a empresa Cualtis, SLU, servizo de prevención alleo co que a Xunta de Galiza ten concertada a prestación da Prevención de Riscos Laborais para os/as traballadores/as da Administración xeral, entrou en ERTE. Isto afectaría a todo o persoal técnico da Galiza encargado das avaliacións de riscos laborais e do planeamento preventivo e a unha parte dos equipos médicos de saúde laboral. Por iso a CIG-Administración Autonómica demanda información respecto desta cuestión: de ser certo, cal é o seu alcance en relación co contrato vixente Xunta e empresa, e as consecuencias que tería para a prevención e vixilancia da saúde do persoal ao servizo da Administración Autonómica, así como as medidas a tomar.

Xunto a isto, demanda o reforzo urxente do servizo de prevención propio coas adecuadas especialidades. A elaboración das avaliacións de riscos laborais específicas de COVID 19 por centros de traballo que se requiren antes da posta en funcionamento das unidades administrativas e o control da execución correcta das medidas propostas.

Avaliación de riscos e plans de acción

Para avaliar o alcance desta información e a súa repercusión nos servizos que esta empresa presta á Xunta de Galiza para a CIG cómpre saber que servizos están parados, en que porcentaxe e que efectos ten a nivel inmediato e cun maior prazo temporal.

A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, considera evidente a importancia da actuación dos servizos preventivos nesta crise sanitaria que estamos a vivir. En primeiro lugar a elaboración das avaliacións de riscos con plans de acción do coronavirus nos servizos esenciais e que aínda están sen plan ( servizo contra incendios forestais, servizos administrativos ou incluso centros de recuperación de fauna, etc).

En segundo e non menos importante, entende que “urxe anticiparnos e prepararnos ante a desescalada e volta ao traballo logo do remate do estado de alarma polo que se necesita elaborar de xeito urxente os Plans de prevención fronte o COVID por centro de traballo”.

Nese sentido sinala que para a CIG non é suficiente tratar medidas xerais (que aínda non hai) senón que é fundamental adaptalas a cada centro cunha avaliación de riscos biolóxicos específica fronte ao COVID19.

Burgos apunta que outros labores desta empresa para a Xunta son a vixilancia da saúde, que debe ser reforzada para elaborar os informes de risco no persoal sensible, ou que a tramitación de procesos como a suspensión por risco ou lactación ou as adaptacións de posto non se demoren pondo en maior risco ao persoal. Por iso pregúntase “quen esta a elaborar estes plans se Cualtis está en ERTE”.

Vixilancias ordinarias

A CIG-Administración Autonómica ten coñecemento tamén de que, a pesar de que solicitou a paralización das vixilancias da saúde ordinarias, estas séguense a realizar e é o que parece que xustifica para Cualtis que parte do persoal médico desta empresa que fai os recoñecementos médicos non foran a un ERTE. “Sospeitamos que isto sería así para asegurarse que a Xunta de Galiza continuase a pagar o conveniado. É dicir, que cobrarían da Xunta, pero non atenderían a totalidade dos seus compromisos”.

Modificación do protocolo

A Vicepresidencia da Xunta modificou hai uns días o protocolo a seguir polo persoal “especialmente sensible”, de forma que hai que seguir uns pasos previos antes de acudir a revisión polo persoal médico de Cualtis baixando a carga de traballo. Esta medida foi duramente criticada pola CIG xa que, na práctica, entorpece e atrasa as baixas por risco de COVID19 para o traballador/a sensible que antes do protocolo acudiría ao servizo de prevención directamente.

Ligando á información do ERTE en Cualtis, e a modificación do protocolo por parte de Vicepresidencia, Burgos pregúntase se o que hai detrás da complicación do protocolo “non é unha manobra da Xunta para tapar a Cualtis”.

Ademais considera “rexeitable que cando máis traballo deberamos ter na prevención dos riscos laborais para a protección da saúde do persoal empregado público, a empresa que fai esta labor entre en ERTE sendo a Xunta de Galiza un volume importante da súa carteira de clientes”.

Información sobre a carga de traballo da empresa

Por iso para a CIG é importante aclarar se é a Xunta a que diminuíu a súa carga de traballo con redución de ingresos, e polo tanto este ERTE por parte da empresa esta xustificado, ou é un expediente de regulación temporal motivado por outras causas, ou non motivado, e que esta empresa quere sacar proveito da crise sanitaria e dos beneficios que o goberno do Estado pon ao dispor das empresas.

A este respecto, Zeltia Burgos salienta que “a situación provoca un desamparo evidente que non se tería producido se este fora un servizo público na súa totalidade. Podería adaptarse sen problema as necesidades por unha pandemia, pola elaboración de tarefas diferentes dun determinado servizo ou incluso para o control da efectividade das medidas ordinarias. Non é coherente co volume de persoal na administración xeral da Xunta de Galiza un servizo de prevención propio tan minguado”.