A CIG-Administración Autonómica demanda unha solución para todos os concurso de traslados e procesos selectivos

O Conselleiro de Facenda ofreceu unha solución válida só para un dos concursos de traslados
Nacional - 11 Set 2025

A CIG-Administración Autonómica esixe que a solución de duplicar prazas, se estenda a todos os concursos pendentes e non só se aplique ao de enxeñerías, arquitecturas e ciencias. E tamén que se comprometan a non retirar prazas vacantes ofertadas do resto dos concursos non resoltos.

Estas demandas da CIG responden á oferta que facía este mércores, no Parlamento de Galiza, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, para resolver a parálise na que se atopan, neste intre, tanto os concursos de traslados como os procesos selectivos de emprego público da Xunta de Galiza.

Milleiros de prazas potencialmente afectadas

Na Xunta de Galiza hai máis de 24.000 prazas de persoal, moitas delas saen a concursos de traslados. O persoal que concursa a elas está afectado pola paralización dos concursos de traslados. Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Autonómica, hai persoal que levaba “lustros ou décadas, nalgúns casos” agardando e outro que leva outro tanto nun destino provisional e á espera de destino definitivo.

Algunhas persoas que están en destino provisional reclamaron xudicialmente poder quedar na praza que ocupan e que se retire do concurso de traslados. Comezaron a se emitir sentenzas ou medidas cautelares que ordenan retirar postos de concurso e adxudicarllos definitivamente a persoas que as ocupaban en destino provisional. Isto provocou unha alteración da orde lóxica de adxudicación de postos e a Xunta decidiu paralizar os procesos, tanto o de concurso de traslados como os selectivos.

Diante desta paralización dos procesos, a CIG convocou asembleas, que resultaron ser multitudinarias, o pasado luns e martes, día 8 e 9 de setembro. A conclusión tirada é que a administración non pode quedar paralizada e ten que resolver canto antes, porque os prexuízos provocados a milleiros de traballadores e traballadoras son moi importantes.

Os concursos de traslados en marcha e afectados ou potencialmente afectados, a esa altura, eran 10: corpos xerais (administración xeral sen escalas); escalas de axentes facultativos/as ambientais e axentes forestais; escalas do servizo de prevencion e defensa contra incendios forestais; escalas do servizo de gardacostas; escalas de enxeñarías, arquitecturas e ciencias; profesorado numerario e mentres/as de taller dos institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e axentes de extensión pesqueira; arqueoloxía, restauración, arquivos, bibliotecas e museos e delineantes; escala de veterinaria; escalas de mantemento, recursos naturais, cociña, condución, laboratorio, e xeral de agrupación profesional e escalas de facultativos/as, técnicos/as facultativos, gobernantes/as e auxiliares de clínica (escalas sociais).

Neste intre, o de enxeñerías, ciencias e arquitecturas xa está resolto, pero paralizado e pendente de toma de posesión. “Quedou gravemente afectado por medidas cautelares que ordenan retirar prazas adxudicadas na resolución do concurso por demandas de compañeiros e compañeiras que as ocupan en destino provisional. As persoas ás que se lles adxudicou no concurso un deses postos, quedarían fóra do mesmo, tendo que retornar ao seu posto de orixe”, explica Burgos.

Por iso, a CIG reclama o compromiso de que a solución de aportar prazas, se estenda a todos os concursos pendentes e non só a este e que o conselleiro se comprometa a non retirar prazas vacantes ofertadas do resto dos concursos.

Corgos, para “deslear” este concurso, ofreceu negociar coas oito persoas que concursaron e que están afectadas polas medidas cautelares, para ofrecerlles un posto alternativo, mesmo coa posibilidade de mudar a RPT, e permitir a toma de posesión. A este respecto Burgos apunta que “a Administración parece que recolle a idea que lle propuxemos en agosto e que reiteramos nas asembleas co persoal dos edificios administrativos. Pero observamos que está a falar de aplicar esta solución a un só dos 10 concursos que están en marcha cando sabemos que hai máis afectados”.

A retirada de prazas dos concursos previa a asignación de postos

A CIG-Administración témese “que naqueles concursos que aínda non están resoltos (escalas sociais, corpos xerais, e un longo etcétera), tiren por outro camiño: directamente retirar os postos do concurso antes da resolución”. Ou mesmo no caso dos concursos pendentes de convocar (informática, coidadores/as, etc.), que nin sequera cheguen a ofrecer os postos afectados no listado inicial de vacantes.

Por iso, a CIG reclama ao conselleiro de Facenda e á directora xeral de Emprego Público, unha solución global a todos os concursos, convocados e pendentes de convocar, resoltos e pendentes de resolver, considerando que a única solución que se albisca é a duplicación de prazas alí onde sexa necesario.

O venres 12 de setembro, os sindicatos están convocados pola directora xeral de Emprego Público, para tratar a situación do concurso de enxeñarías, ciencias e arquitecturas. A CIG tentará que se adopte a súa proposta como mellor alternativa posible, e para iso se require que maticen as palabras do conselleiro, se explicite a fórmula elixida e se faga de xeito global para todos os concursos en relación as prazas afectadas por sentenzas presentes a posteriores a resolución do concurso.