A CIG-Administración Autonómica solicita a investigación dos incendios nas oficinas portuarias

O comité reclama medidas preventivas e a convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral
Nacional - 30 Dec 2022

A CIG-Administración Autonómica denuncia que “Portos de Galiza non fixo nada para evitar ameazas e agresións ao persoal que traballa nos portos” e que logo de dous incendios nas oficinas portuarias do Xufre tiñan que ter posto en marcha medidas de protección ao persoal gardapeiraos. A representación da central sindical no comité de empresa solicita a convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral para a investigación dos incidentes graves acontecidos e aplicar medidas preventivas urxentes.

A CIG-Administración Autonómica lembra que a Xunta de Galiza é responsable dos portos autonómicos, pesqueiros e deportivos xestionados pola entidade pública instrumental Portos de Galiza, da consellería do Mar.

Zeltia Burgos, responsable nacional, explica que nas instalacións portuarias traballan os e as celadoras gardapeiraos, que teñen entre as súas encomendas a de vixiar e velar polo cumprimento da normativa portuaria e do bo estado dos portos e a recadación de tarifas. “Estas funcións as fan en illamento, con xornadas diversas e sen rotacións polo que ante a conflitividade cos usuarios dos portos se senten indefensos”.

Sinala que, porén, Portos de Galiza “non ten ningún plan preventivo para evitar as agresións deste persoal”. Nese sentido apunta que o acontecido no porto da Illa de Arousa é un exemplo máis das ameazas e agresións ás que se ve sometido o persoal. Xunto a isto denuncia “a lenta ou inexistente defensa xurídica do seu persoal cando é denunciado ou agredido polo exercicio das súas funcións”.

Plan de prevención

Por iso, para a CIG é esencial un plan preventivo axeitado, mais tamén que se lles dea o carácter de autoridade pública, polo que considera que se debe funcionarizar a este persoal. Ademais, engade Burgos, “o establecemento de rotacións e o traballo en equipos ten que ser normalizado, así como poder cubrir actas con pseudónimo e formación adecuada en prevención de conflitos”.

Os incendio no porto de o Xufre

Na madrugada do 1 de maio de 2020 resultou incendiado o vehículo oficial do celador  gardapeiraos de Portos de Galiza destinado no porto de o Xufre (Illa de Arousa). O incendio  afectou tamén á oficina portuaria de Portos de Galiza de o Xufre que sufriu abundantes  danos materiais ao resultar danados equipos informáticos, mobiliario, documentación, efectos persoais do traballador...

O contexto no que aconteceu aquel suceso foi “supostamente, porque nunca se detivo a ninguén polo incendio, nin se puido identificar a ninguén polas gravacións dunhas cámaras que hai en varios negocios da zona, o cabreo dalgún usuario con varias denuncias do celador gardapeiraos polo incumprimento da normativa e usos portuarios. Isto viu precedido de ameazas previas ao celador e mesmo nunha das ocasións até provocou danos na porta da oficina”, explica a responsábel da CIG-Autonómica, quen subliña que “por estes feitos si foi condenado”.

O celador gardapeiraos do porto do Xufre estivo, a raíz dese incidente, varios meses de baixa  laboral e Portos de Galiza non adoptou ningún tipo de medida ao respecto do punto de  vista da prevención de riscos laborais. “Non instaurou un protocolo, nin tomou medidas organizativas que apoiaran no seu labor ao traballador, nin instalou ningún sistema de seguridade como alarmas, cámaras de vídeovixiancia. Portos simplemente deixou pasar  o tempo até que se incorporou o celador gardapeiraos ao seu posto de traballo tras da baixa”.

Incendio do Xufre

A madrugada do día de Nadal do 2022 incendiouse a oficina portuaria de Portos de Galiza  no porto de o Xufre. “A oficina sufriu moitos danos pois todo foi pasto das lapas, equipos  informáticos, sistemas de comunicación, sistemas de control de subministro de auga e luz  aos pantaláns, mobiliario, arquivos e documentación”, sinala Zeltia Burgos.

Na zona hai algunhas cámaras de particulares e, segundo a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, as forzas de seguridade están a facer  investigacións das imaxes, xunto con outros indicios, para esclarecer a autoría do incendio. “O que si afirmaron distintas fontes é que foi provocado e sospéitase que podería ter que ver co  primeiro incidente”.

Burgos denuncia que desde Portos de Galiza e a Consellería do Mar, igual que na anterior ocasión, non se  produciu ningún tipo de reacción ante feitos de tal gravidade”.

Convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral

A representación da CIG no Comité de Empresa solicitou ao Director de Portos a convocatoria  urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral para analizar os feitos e decidir que medidas adoptar. Unha xuntanza que a Dirección vén de confirmar que se vai convocar.

Os danos, até o de agora, son materiais, pero “non se pode descartar a posibilidade de que esas accións repercutan directamente no traballador alí  destinado e Portos e Consellería do Mar a nivel institucional deberían facer algo ao respecto”, sostén Burgos.

Do mesmo xeito, insta a avaliar a situación e tomar medidas que garantan a seguridade dese  traballador e do resto dos celadores gardapeiraos, do punto de vista organizativo, porque “xa teñen acontecido agresións e danos noutros portos”, ou a dotar de medios disuasorios e de seguridade ao persoal: protocolos de seguridade, instalación de alarmas, sistemas de seguridade,  cámaras de videovixiancia, formación en defensa persoal.