Despois do peche que se desenvolveu no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e logo da reunión mantida o día 29 de setembro co xerente do Consorcio, a CIG-Administración Autonómica vén de solicitar oficialmente unha auditoría. Denuncia que “isto xa non é unha mala xestión, é unha situación insostible é un menosprezo continuado no tempo a quen mantén en pé todos os servizos nos diferentes centros de traballo”.
Denuncian que no Consorcio, o traballo do seu persoal “vale moi pouco, pero a súa paciencia chegou ao seu límite e xa levamos moitos anos soportando esta deixadez institucional”. A isto engaden a actitude do xerente e as xerencias adxuntas -escolas infantís e benestar-, “que destacan sobre todo polo seu nefasto método da xestión deste ente”.
Falta de todo
Subliñan que son cuestións que xa veñen de tempo atrás pero que, na actualidade, se amplían co maltrato ás súas traballadoras cos ceses, faltas de certificados de empresa, falta de coberturas nos centros, falta de emisións de diferentes certificados (servizos prestados, bases de cotización), faltas de respecto telefónicas, falta de resposta aos rexistros na sede da Xunta, falta de alta no portal do empregado para poder solicitar os diferentes permisos, as traballadoras descobren nas súas vidas laborais que cotizan en grupos de cotización inferiores. Denuncian, por iso, o “tremendo abandono”, porque “non fan nada ben”.
A CIG-Administración Autonómica denuncia, ademais, que a día de hoxe teñen sen actualizar, é dicir, “paralizada a contabilidade dos días de vacacións e permisos vinculados a antigüidade do persoal” e que, malia ter recorrido vía interna a esta regularización o CGSIB segue sen dar resposta nin actualizar esa aplicación, polo que o persoal non pode exercer o seu dereito aos días de desfrute que lle corresponden por dereito”.
Por iso, “ante o silencio por resposta e a falta de transparencia que nin se ve nin se escoita, non nos queda máis remedio que pedir contas e poñer as realidades enriba da mesa” e veñen de rexistrar un escrito solicitando a intervención inmediata no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar por parte da Dirección Xeral de Emprego Público.