A CIG-Administración convoca concentración no Concello de Cariño polo respecto aos dereitos laborais
A CIG-Administración Pública de Ferrol ten convocada convoca unha concentración diante do Concello de Cariño para reivindicar o respecto aos dereitos laborais e reclamar o cumprimento dos dereitos de participación, negociación e representación que ten todo o persoal empregado público. A protesta desenvolverase a partir das 11:00 e nela demandarase tamén a dimisión do alcalde "por falta de palabra e de negociación" .
A secretaria comarcal da CIG-Administración, Carmem Viso Rubín, denuncia que o persoal do Concello carece da correspondente Relación de Postos de Traballo, obrigatoria para todas as administracións públicas. "Nunca se contou con este instrumento organizativo do persoal onde se regulan os postos de traballo existentes e as súas características, as retribucións e os requisitos de aceso", sinala.
Explica Rubín que a finais do ano 2017 foi contratada unha empresa externa (das Illas Baleares) para levar a cabo os traballos necesarios para avaliar, organizar e estruturar unha proposta de RPT que igualara as condicións laborais e unificara e actualizara as retribucións. Pero dende que remataron estes traballos "a negociación da RPT co alcalde non avanzou nada. Durante todo este período as súas respostas foron paciencia e escusas, non convocando as negociación ou incumprindo as reunións pactadas por el mesmo".
Por iso, advirte que "neste momento acabouse a confianza e a paciencia" e que "xa ninguén se fía da palabra do alcalde". De feito, critica que dende o pasado mes de xullo "só sabemos da súa actividade partidaria e congresual pola prensa. Nin responde nin entregou a proposta firme de RPT na semana do 20 de setembro", como estaba previsto.
Diante desta parálise, con esta mobilización quérese dar a coñecer a insostíbel situación dun cadro de persoal a mínimos, onde non se repoñen as prazas vacantes e a carga de traballo ten que ser asumida polos poucos traballadores e traballadoras que quedan. De igual xeito, denunciar "que a xustiza e a equiparación salarial só é para o alcalde (que se subiu o soldo a comezos desta lexislatura) e aqueles postos que el decide. Pois aínda hai persoal que segue a cobrar polo salario mínimo interprofesional, sen ter en conta a súa categoría".
Xunto a isto, a CIG demanda que se cumpra a lei vixente e o Concello conte cunha RPT que regule as relacións laborais, categorías, funcións e complementos; e que se respecten todos os dereitos laborais, colectivos e de representación.