A CIG-Administración critica que a Xunta recorra a Clece para a limpeza dos xulgados da Coruña

Lembran que esta categoría "está ben estruturada na relación de postos de traballo da Consellaría"

A Coruña -

A CIG critica que a Xunta continúe dando entrada na administración a empresas privadas en detrimento do traballo público. Concretamente, critican que a Xunta contrata a Clece para a realización do servizo de limpeza dos xulgados, compartindo espazo con limpadoras/es de cadros de persoal da Xunta e cubrindo así postos dunha categoría profesional que está ben estruturada na relación de postos de traballo da Consellaría de Presidencia.

"Desde a CIG instamos a que se dote con persoal público ao traballo no sector público e non con empresas privadas que o que fan é deteriorar os servizos públicos e eliminalos", asevera o secretario comarcal da CIG-Administración, Eduardo Freire.

Explica que Clece, propiedade do grupo ACS, vai enganchando sistematicamente contratos na Administración autonómica, a pesar de que as listas de contratación da Xunta "están ben fornecidas na categoría de persoal da limpeza coma para poder tirar delas sen necesidade ningunha de que unha empresa privada ocupe postos do sector público". Nuns momentos ademais, "nos que esta categoría profesional é esencial pra manter as instalacións libres na medida das súas posibilidades da Covid19".

Freire lembra que o persoal que se inscribe en calquera lista de contratación da Xunta ten que aboar unha taxa para formar parte desas listaxes, o que lle dá dereito a estas persoas a ser chamadas para unha contratación na Administración autonómica "polo que instamos a Xunta a que faga os chamamentos segundo se recolle no Decreto 37/2006, e se non houbera xente na categoría correspondente acudir ao Servizo Público de Emprego que para iso está".

Por outra banda, a CIG-Administración insta a que se eleven propostas na próxima reunión da mesa de negociación a respecto da creación, logo do estudo en todas as consellarías, de novos postos de traballo nesta categoría profesional, xa que esta crise do coronavirus verificou que este persoal é imprescindíbel para garantir a limpeza e desinfección dos centros de traballo".

Volver