A CIG advirte do inicio de mobilizacións na Axencia Tributaria pola recuperación da capacidade adquisitiva do persoal

Subliña que os salarios da AEAT perderon un 12,36% de poder adquisitivo dende o ano 2020
Nacional - 28 Set 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG), xunto coas organizacións sindicais SIAT, UGT e CCOO -que ostentan conxuntamente  o 65% da representación social na Axencia Tributaria- advirten do inicio de mobilizacións para reclamar a mellora retributiva de todo o persoal e non descartan incluso a convocatoria de folga sen non hai solucións.

A representación da CIG denuncia “sete anos de bloqueos e de incumprimentos na negociación colectiva”, polo que insta a dar unha resposta “que mobilice a todo o persoal da AEAT sen exclusións” na mellora das súas condicións profesionais e retributivas. Nesta liña, as catro centrais sindicais xa trasladaron á AEAT a  intención de convocar concentracións, folgas, paros “e cantas medidas de presión se considere para mover ao Goberno español a chegar a un acordo”.

A CIG lembra que as retribucións na AEAT están conxeladas desde 2007 e “a evolución salarial do persoal da Axencia Tributaria entre 2020 e hoxe confirma que a perda de poder adquisitivo non só continúa, senón que se acelera”. Critican que os salarios seguen sen compensar o aumento real do custo da vida, mesmo coa aplicación dos incrementos previstos “nos escuálidos” acordos estatais para actualizar parcialmente as retribucións do persoal público, que a CIG non asinou nin comparte.

Os datos oficiais do INE amosan que a inflación se disparou nos últimos meses, pasando dun IPC situado no 2,3% en xaneiro a un 4,3% en agosto, o dato máis alto en tres anos. “Mentres tanto, o acordo salarial asinado por CSIF, UGT e CCOO limita a suba de 2026 a un máximo do 2%. É dicir, os prezos medran máis do dobre que os nosos salarios”, subliña a representación da CIG na AEAT.

Esta dinámica repetida ano tras ano supón un empobrecemento progresivo do persoal empregado público. Actualizando os cálculos coas variacións mensuais do IPC publicadas polo INE até agosto de 2026 (o dato de agosto é aínda un avance, pendente de confirmación definitiva a mediados deste mes), a perda de poder adquisitivo acumulada dende xaneiro de 2020 xa alcanza o 12,36%, fronte ao 8,24% que se denunciaba en febreiro.

“Case 4,2 puntos máis de perda en só sete meses (e a previsión cara a fin de ano vai na mesma liña). Dende a CIG seguimos esixindo incrementos salariais reais por enriba do IPC, unha cláusula de garantía salarial e a recuperación do poder adquisitivo perdido”, inciden.

Activar o Acordo de Carreira e actualizar os complementos

Neste sentido, as catro organizacións sindicais coinciden na necesidade de actualizar estas retribucións e máis a activación do Acordo de Carreira Administrativa e Profesional, o desenvolvemento e cumprimento efectivo do V Convenio Colectivo do persoal laboral.

“Os datos evidencian a urxencia inaprazábel de abordar de inmediato a actualización duns complementos específicos fosilizados e sen actualizar desde a aprobación do Acordo de Carreira de 2007”, conclúen desde a CIG.