A CIG advirte que a nula vontade de Alcoa para retomar a normalidade produtiva obriga os Gobernos á intervención inmediata da fábrica

A empresa xa evidenciou que non ten intención de recuperar a produción
Cervo - 28 Dec 2020

Na reunión da mesa multilateral celebrada esta tarde, a CIG trasladoulle ao Goberno español e á Xunta de Galiza a preocupación tanto pola falta de vontade de Alcoa para retomar a produción de aluminio e manter e recuperar os empregos, como pola indefinición na que seguen instaladas ambas administracións ante a posibilidade dunha intervención pública da fábrica de San Cibrao.

Na xuntanza, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou a satisfacción da central pola sentenza de nulidade do ERE, mais advertiu que a solución definitiva para garantir a continuidade industrial do complexo e manter os postos de traballo non depende das actuacións xudiciais senón de decisións políticas.

Neste senso, subliñou a preocupación da CIG pola incerteza permanente á que están sometidos os traballadores e as traballadoras dada a nula intención de Alcoa de recuperar a produción e os empregos “e nin tan sequera de cumprir coa sentenza do TSXG, tendo en conta que non lle está a dar normalidade a actividade da fábrica”.

Neste senso, Carril indicou que era de agardar que Alcoa recorra a sentenza, “pero non podemos comprender que a empresa  non atenda ningunha das formulacións feitas pola representación social para sentar negociar, recuperar as inversións no mantemento que permitan a reconstrución das cubas, que se poña a fábrica a pleno rendemento e que todas as persoas en ERTE retornen ao seu posto e se recuperen as contratacións das vacantes, ETT e persoal interino”.

"É inevitábel e inaprazábel tomar as ecisións políticas"

Por iso, o secretario xeral da CIG instou as administracións a convocar as reunións que sexan precisas, volver ao escenario do 27 de setembro “e que os Gobernos asuman que é inevitábel e inaprazábel tomar decisións políticas que a estas alturas xa deberían estar tomadas”. Carril reclamou, unha vez máis, a intervención pública da fábrica como “única garantía real para a continuidade industrial,xa sexa mediante unha solución amigábel con contribución de Alcoa para unha venda ou, no caso contrario, os Gobernos teñen que forzar coas súas decisións esa garantía”.

Ante a ausencia de propostas concretas, Carril preguntoulle aos Gobernos directamente “que están dispostos a facer para camiñar cara a normalidade da factoría” e se nas próximas semanas “haberá venda ou haberá intervención pública”.