A CIG advirte que Galiza camiña cara ao monopolio de Monbús no transporte de viaxeiros/as

Se logra 20 dos 28 contratos que a Xunta ten en licitación, acapararía xa o 70% do mercado

Nacional -

A FGAMT-CIG vai remitir escrito á Comisión Nacional da Competencia para que investigue o concurso público do transporte de viaxeiros/as por estrada en Galiza ante o acaparamento da maioría dos contratos por unha única empresa, Grupo Monbús. Este monopolio está favorecido polo deseño que a Xunta fixo dos contratos, que permite un uso fraudulento das UTE e que Monbús poida acabar sumando o 70% do mercado.

O responsábel do sector de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, salienta que o transporte en autobús ten una transcendencia enorme na vertebración de Galiza, que acumula a metade dos núcleos de poboación do Estado e realiza un terzo do transporte escolar contratado. Historicamente, explica, víñase caracterizando por ser un sector moi atomizado, "pero nos últimos tempo estase dando una concentración do mercado pola vía de transmisións de titularidades, compras ou fusións, que expulsan do mercado ás empresas pequenas e medianas".

Esta concentración está a punto de incrementarse no que ten a ver co tecido empresarial galego de pequenas e medianas empresas, pois o xeito en que a Xunta puxo en marcha os contratos de transporte regular de viaxeiros/as permite un uso fraudulento das UTE. "Aínda que este mecanismo foi vendido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como un xeito de favorecer a participación das pequenas empresas, vese distorsionado ao permitir a súa conformación con varias compañías do mesmo grupo ou coa participación de empresas en risco de quebra", advirte Pastoriza.

O dominio do mercado provoca unha perda do servizo á cidadanía

Deste xeito, permítese que un único grupo empresarial, Monbús, poida acabar acaparando o 70% do mercado galego. Neste momentos, Monbús preséntase a 20 dos 28 contratos que a Xunta sacou a concurso, pero na licitación anterior xa conseguiu 42 dos 100 contratos adxudicados. "A experiencia demostra que, cando se produce este dominio do mercado, acábase producindo un importante descenso das rutas ou frecuencias (para unha maior optimización do beneficio) e unha perda so servizo á cidadanía", alerta.

Xunto a isto, o sindicalista apunta ás "facilidades" que ten esta empresa para afianzar a súa posición no sector. "O Grupo Monbús recibiu un premio da Xunta de Galiza este ano, no medio das licitacións dos contratos de transporte. Non parece moi lóxico que unha Administración premie publicamente a quen está licitando. Ou que a débeda que Monbús ten co IGAPE siga dilatando no tempo o seu pago, no que parece unha clara manobra de axuda financeira", denuncia Pastoriza.

Por isto, para a FGAMT-CIG non parece que a Xunta busque unha verdadeira competencia "favorecendo a presenza de UTE artificiosas que pretenden aparentar unha presunta competencia, pero que están deseñadas para acaparar mercado e para debilitar a posición dos traballadores e das traballadoras pola vía de impedir que podan ter representación sindical".

Diante disto, a central sindical defende que este concurso debe garantir a libre competencia e o respecto aos dereitos dos traballadores e traballadoras "e non debe ser un artificio para favorecer a posición no mercado dun determinado grupo empresarial".

Volver