A CIG alerta da existencia de casos fraudulentos na presentación de ERTEs de forza maior

Hai empresas que utilizan a retroactividade na data de inicio para aforrar o pago de parte da nómina
Lugo - 03 Abr 2020

A CIG denuncia de fraude que pretende facer algunhas empresas que presentan ERTEs por forza maior a causa do COVID-19 e que utilizando a formula da retroactividad na data de inicio do expediente de regulación ao día 14 de marzo, a pesar de que os seus traballadores e as traballadoras estiveran traballado en datas posteriores. Con este "truco" buscan limitar o pago das nóminas até o día 14 e aforrarse o resto dos días traballados. Igualmente, son moitas as empresas que aproveitan esta situación para conceder períodos de vacacións, algo que tamén é absolutamente ilegal.

A CIG Lugo–A Mariña denuncia que lle están a chegar información por parte de traballadores e traballadoras sobre esti tipo de prácticas en varias empresas da provincia. Dita actuación, advirten, constitúe un fraude á Seguridade Social e ao SEPE e ademais representa "unha actitude absolutamente miserábel, preocupándose exclusivamente dos seus intereses, cargando sobre as traballadores e traballadoras e sobre as arcas do Estado as obrigas que como empregadores teñen". A CIG considera estes feitos de extrema gravidade e dunha absoluta falta de sensibilidade economica e social.

Actuacións insolidarias e ruíns

"Nos momentos dunha crise sanitaria como a que estamos a vivir, cunhas consecuencias economico-laborais terríbeis, cando na provincia de Lugo xa van presentados máis de 3.571 ERTE´s que afectan a máis de 14.000 traballadores/as, estas mobras para tentar sacar un pírrico proveito resultan absolutamente insolidarias e ruíns", critican. No conxunto de Galiza, o número de ERTEs presentados a día 2 de abril chegaba casi ás 30.000 solicitudes, afectando a máis de 156.000 traballadores e traballadoras. Cifras que, por outra banda, aínda non se viron reflectidas nos datos do paro rexistrado feitos públicos este xoves.

Dende a CIG demándase á Conselleria de Economía, Emprego e Industria, á Inspección de traballo, ao SEPE e á Seguridade Social que presten especial atención a estes casos.

Igualmente, a CIG estudará impugnar por vía xudicial os casos dos que se teña constancia, e mesmo valora presentar ante a Fiscalía denuncia por se as empresas que están a recurrir a esta práctica poideran estar incurrindo noutro tipo de ilícitos á marxe da xurisdicción social.

O 10 de abril, #QueEscoiten

Para trasladar o malestar que existe entre a cidadanía por mor da errática xestión e das e insuficientes medidas adoptadas para afrontar a crise sanitaria, social e económica, derivada da pandemia do COVID19, a CIG ten convocada para o vindeiro venres 10 de abril, ás 12:00 horas, unha cazolada desde as fiestras baixo a consigna #QueEscoiten.

Unha acción de protesta coa que se queren demandar medidas de protección social sen discriminación entre colectivos, garantías de que as familias teñen ingresos suficientes e que se cobran en tempo as prestacións, así como reforzar as medidas de prevención para garantir a saúde das traballadores e traballadores dos sectores que continúan a súa actividade.

Tes máis información sobre esta acción e material gráfico para usar nas túas redes e para imprimir (se tes a posibilidade) nesta ligazón: https://tinyurl.com/uqa9pga