A CIG-Saúde A Coruña alerta dun novo episodio de colapso no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), “unha situación que xa se dera no mes de xullo e que, lonxe de mellorar, continúa agravándose”.
Dende a central sindical denuncian que neste mes de agosto o CHUAC mantén arredor de 180 camas pechadas, “fronte ás máis de 130 que se rexistraran en xullo”. Ao mesmo tempo, os centros de Atención Primaria funcionan con cadros de persoal “baixo mínimos” pola insuficiente cobertura das ausencias, aumentando a presión sobre as Urxencias.
Non é aceptable que, existindo camas pechadas, a resposta á falta de capacidade sexa habilitar corredores, triplicar habitacións ou ingresar pacientes en unidades que non lles corresponden
Durante a xornada de onte as Urxencias volveron sufrir un novo episodio de colapso, con tres corredores ocupados por pacientes. A falta de capacidade afecta tamén ao resto do complexo: no Hospital Abente e Lago estanse triplicando camas nas habitacións e na unidade de Cirurxía están sendo ingresados doentes de Medicina Interna.
Para CIG-Saúde esta situación non é “puntual nin imprevisible”, senón consecuencia do peche de camas e da falta de persoal suficiente durante o período estival, unha situación sobre a que a central sindical xa advertira no mes de xullo. “Non é asumible manter 180 camas pechadas mentres hai pacientes nos corredores de Urxencias e o hospital ten que recorrer a triplicar camas nas habitacións”.
En consecuencia, a CIG-Saúde esíxelle á Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee a apertura inmediata de todas as camas que sexan precisas para dar resposta á demanda asistencial existente, así como a dotación do persoal necesario. “Non é aceptable que, existindo camas pechadas, a resposta á falta de capacidade sexa habilitar corredores, triplicar habitacións ou ingresar pacientes en unidades que non lles corresponden”.
Neste senso, considera que as Urxencias non poden converterse cada verán nunha unidade de hospitalización improvisada. “Se hai doentes que precisan ingresar, a Xerencia ten que abrir as camas necesarias para atendelos en condicións dignas e seguras”.