A CIG alerta que o medre da carestía agrava a desigualdade e limita a autonomía económica das mulleres

A secretaría das Mulleres desenvolve campaña do 25 de novembro baixo o lema “Encarécennos a vida. Recórtannos os dereitos”
Nacional - 19 Nov 2026

A CIG presentou esta mañá a campaña con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que este ano se centra na visibilización do maior impacto que a suba dos prezos ten sobre as mulleres traballadoras, ao partir de condicións salariais e laborais inferiores ás que teñen os homes. A consecuencia é un proceso de empobrecemento feminizado que limita a autonomía económica das mulleres e que ten unha relación directa coa violencia machista. De aí que o lema escollido para esta campaña sexa “Encarécennos a vida. Recórtannos os dereitos”.

» DÍPTICO CAMPAÑA 25N

No marco desta campaña, o propio mércores 25 de novembro, a CIG ten convocada unha asemblea nacional de delegadas en Ourense, e despois unha manifestación ás 12h dende o local sindical até o Edificio da Xunta (Casa de Chocolate). Ao remate da mobilización realizarase unha acción visual denominada “o carro da precariedade”, coa que se pretende resumir o contido desta campaña. Á protesta levarase un carro no que se introducirán elementos e unha gran factura final cuxo total a pagar son “os dereitos e a autonomía das mulleres”.

“A inflación agrava a desigualdade entre mulleres e homes. Se cobramos menos, a vida cústanos máis”, advertiu a secretaria Confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, que compareceu en rolda de prensa acompañada por Ester Mariño, do Gabinete Técnico Confederal. Corral explicou que se busca pór en evidencia como a suba da vivenda, da luz, do transporte ou da alimentación impacta en maior medida nas mulleres, xa que seguen percibindo salarios máis baixos, soportando taxas de parcialidade superiores e concentran a ocupación en sectores esenciais caracterizados pola infravaloración salarial e pola precariedade.

Segundo os datos da Axencia Tributaria de 2025, o salario medio estimado das mulleres en Galiza foi de 30.139 euros, fronte aos 32.323 euros dos homes. Isto é, de media as mulleres percibiron 2.184 euros menos (o 6,8%). Ademais, seis de cada dez persoas que percibiron un salario anual estimado de até 18.154 euros foron mulleres.

Sen autonomía económica non hai liberdade

A secretaria das Mulleres da CIG incidiu en que a dependencia económica ten unha relación directa coa violencia machista ao ser unha ferramenta de sometemento. “Unha muller sen ingresos suficientes e unha rede recursos pública adecuada terá máis dificultades para construír un proxecto de vida independente e tamén para abandonar unha situación de violencia”.

Pero mentres a vida se encarece e a precariedade golpea especialmente ás mulleres, o Goberno galego mantén un modelo que privatiza coidados, precariza os sectores feminizados, debilita a estrutura institucional específica de igualdade, externaliza recursos para vítimas de violencia sexual e non dota do persoal necesario servizos esenciais para a protección das mulleres.

Como exemplo destas políticas, Margarida Corral expuxo a externalización a empresas privadas da xestión dos cinco centros de atención integral 24 horas para vítimas de violencia sexual (adxudicados a OHL-Ingesan e Eulen). “A protección das vítimas non pode depender cunha conta de resultados”, criticou. Ao tempo lamentou que os recursos destinados á dependencia no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2027 se incrementen no apartado de prestacións para coidados no contorno familiar. “Unha aposta clara do Goberno do PP para que as persoas dependentes fiquen ao coidado das súas familias, mulleres na súa maioría”.

A campaña da secretaría das Mulleres tamén incorpora unha nova dimensión de violencia: a misoxinia dixital e a ofensiva antifeminista. O emprego de termos como “charo” para menosprezas as mulleres “é unha estratexia que converte a muller feminista nun estereotipo ridículo, ignorante ou histérico para desacreditar a súa intervención pública e deslexitimar as reivindicacións feministas”.

A dereita e a extrema dereita levan ao ámbito política códigos, insultos e marcos nacidos na manosfera, mais “fronte a esa estratexia de silenciamento e manipulación, as mulleres da CIG non imos pedir permiso nin perdón por ser feministas, sindicalistas, galegas e combativas”, aseverou.

Violencia institucional, o exemplo do Concello das Neves

Na súa intervención, Corral tamén denunciou a violencia institucional que continúan sufrindo as mulleres e cuestionou a mensaxe que transmiten os organismos públicos cando relativizan condutas e rehabilitan politicamente persoas que estiveron investigadas, como o exconselleiro Alfonso Villares, cuxo primeiro acto como novo delegado territorial da Xunta en Lugo foi a visita a un Centro de información ás mulleres portátiles.

Como exemplo desta tipo de violencia, Ester Mariño informou do caso dunha traballadora do Concello das Neves contratada a través dun programa de emprego para vítimas de violencia de xénero, que padeceu acoso sexual no seu posto de traballo sen que a administración local activara ningún mecanismo de protección.

A propia Inspección de Traballo sinalou que a xefatura de persoal minimizou o risco, que a traballadora non recibiu formación nin información preventiva e que non existía un protocolo fronte ao acoso cando sucederon os feitos. Na actualidade, censurou Mariño, o traballador autor do acoso sexual continúa ocupando o seu posto sen que se lle aplicase ningunha medida disciplinaria pola súa conduta, malia que os feitos están máis que acreditados.

Por iso, a CIG ten convocada unha concentración mañá, 20 de novembro, ás 12h diante do consistorio das Neves, en apoio á traballadora e para exixir responsabilidades tanto ao autor do acoso como ao alcalde e xefe de persoal, José Manuel Alfonso, pola condición do Concello como empregador.

Na súa condición de vítima de violencia de xénero, o Concello, debía activar a protección prevista no artigo 25 da Lei de prevención de riscos laborais para as persoas especialmente sensíbeis. Porén, “lonxe de facer isto, a entidade municipal desprotexeu a vítima en todo momento, incluso despois de ter denunciado o acoso sexual”, salientou Mariño.

Finalmente, na comparecencia fíxose un chamamento a participar das mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres o venres día 25 pola tarde en varias cidades e vilas galegas baixo o lema “Vidas libres de violencia machista”.