A CIG Alu Ibérica traslada o apoio á loita do persoal de Alcoa San Cibrao e urxe unha intervención pública para salvar as plantas de aluminio

Reclaman tamén a posta en marcha dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva
A Coruña - 29 Xun 2020

A sección sindical de CIG na fábrica de Alu Ibérica da Coruña vén de emitir un comunicado en apio á loita que os traballadores e as traballadoras do complexo de Alcoa San Cibrao están a realizar en defensa dos empregos e da actividade produtiva. A representación da CIG reclama a creación inmediata dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que teña en conta as particularidades do sector electrointensivo e a intervención pública urxente para salvar as factorías de aluminio da Coruña e da Mariña.

A seguir reproducimos o comunicado íntegro:

A sección sindical de CIG quere manifestar o seu apoio á loita que están a levar o Comité de Alcoa San Cibrao, así como a Coordinadora das empresas auxiliares, contra  o peche da planta de aluminio que ten anunciado a transnacional estadounidense. De igual modo solidarízase co máis do milleiro de compañeiros e compañeiras afectadas que entran a traballar na planta a diario, e que de materializarse os plans de Alcoa irían despedidos.

O aluminio é  un sector estratéxico para a economía galega, que de modo inexplicábel aínda non está recoñecido como tal en Galiza nin no Estado"

Nin a Mariña, nin A Coruña, nin Galiza pode permitirse o luxo de perder un solo posto de traballo máis no sector industrial, especialmente do sector electrointensivo e da fabricación de aluminio primario. Este é  un sector estratéxico para economía galega, que de modo inexplicábel aínda non está recoñecido como tal en Galiza nin no Estado español.

A falta dunha regulación para una tarifa eléctrica industrial que teña en conta as particularidades da industria electrointensiva, que lles permita ter una tarifa estábel, predicíbel e competitiva para poder acometer plans industriais e de inversión a medio e longo prazo  pode carrexar  a deslocalización deste tipo de produción industrial.

Dende a CIG levamos anos reclamando e mobilizándonos a prol  da adopción de medidas que veñan solucionar dunha vez o problema do alto custe da electricidade, propoñendo  a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega e dunha Tarifa Industrial que recoñeza un estatus especial á industria electrointensiva sen que de momento os distintos gobernos tanto da Xunta, como do Estado fixesen nada.

Máis grave se cadra é o caso galego, que sendo como somos una potencia en xeración enerxética, exportando gran parte da produción a outras zonas do estado, e tendo soportado os enormes custes sociais, ambientais e de explotación dos nosos recursos naturais, négasenos o dereito a aproveitarmos desta riqueza propia e temos que ver como pechan as nosas industrias e centrais eléctricas.

Acreditamos na intervención pública, que é lexítima, legal e posíbel, e que unicamente precisa de vontade política"

Demandámoslle ás distintas Administracións una intervención pública urxente para salvar as factorías de  Alu Ibérica na Coruña e de Alcoa na Mariña. Acreditamos nesa intervención, que como xa temos demostrado é lexítima, legal e posíbel, e que unicamente precisa de vontade política.

Polo tanto reiteramos una vez máis o noso apoio aos compañeiros e compañeiras de San Cibrao e  animamos a todos os compañeiros/as de Alu Ibérica A Coruña a participar nas mobilizacións que se convoquen para salvar a industria do aluminio e electrointensiva en Galiza. Se actuamos toda a industria xuntos podemos ser máis eficaces e máis escoitados, porque se estamos reclamando día a día unha intervención, temos que saber que se non se produce unha  intervención en Alcoa, menos posibilidades haberá de que se produza en Alu Ibérica.

Xornada de folga en Alcoa San Cibrao

Os traballadores e as traballadoras da fábrica de San Cibrao continuarán ese mércores, 1 de xull, co calendario de mobilizacións en contra dos despedimentos que pretende aplicar a multinacional e para esixir o mantemento da actividade produtiva. Desta volta, teñen convocada xornada de folga de 24 horas tanto na principal como na industria auxiliar e unha concentración, ás 12:00 horas, diante do edificio administrativo da Xunta en Santiago de Compostela.

Até a capital galega desprazarase o persoal da factoría acompañado de veciños e veciñas da Mariña, pois boa parte do comercio xa anunciou que tamén pechará portas en apoio á xornada de folga e varios concellos informaron informaron que farán o mesmo.