A CIG, Amizando, Avante LGTB+, Alas e Colectivo Agrocuir da Ulloa denuncian unha agresión tránsfoba no festival "O Son do Camiño"

Os feitos serán trasladados ao Observatorio LGTBI da Xunta para que abra unha investigación
A Coruña - 30 Xul 2021

A CIG, Amizando, Avante LGBT+, ALAS e Colectivo Agrocuir da Ulloa veñen de denunciar unha agresión capacitista e tránsfoba por parte do persoal de seguridade da empresa Menkepeer durante o festival “O son do camiño”, contra Eirin, persoa trans non binaria contratada por Impulso Social, que tamén se desentendeu deste suceso.

Os feitos tiveron lugar o pasado día 17 de xullo, cando un membro da equipa de seguridade privada do evento ordena, nun ton agresivo e hostil, ao persoal contratado por Impulso Social que desenvolva tarefas que non son do seu cometido, aproveitándose de que son persoas con diversidade funcional e ante as que este traballador se posicionou en todo momento como superior. Cómpre subliñar que o vixiante exhibía unha máscara coa infografía dun corpo de seguridade do Estado, do cal evidentemente non forma parte.

Todo isto, explica Eirin, nun contexto de abuso de poder e hostilidade no cal este membro de seguridade de Menkeeper pretendía ter man de obra gratuita para a súa empresa, tomando a vantaxe de tratar con persoas con diversidade funcional, dándelle instrucións de incorporarse a outro posto de traballo desconexo totalmente do propio, aproveitando a súa posición por el considerada como indiscutíbel e dunha intolerancia suprema.

Comportamentos agresivos e intolerábeis

Cando Eirin intenta explicarlle que o seu labor soamente consistía en informar as persoas asistentes ao festival do bo uso da máscara, preparación de entradas e mantemento da distancia de seguridade, e por tanto non entraba nas súas funcións a acomodación nin a realizar do control de acceso con PDA, comezou a dirixirse cara elu en todo momento cun tono moi agresivo e amedrentador, a pesar da actitude de calma e respecto de Eirin.

A discusión foi medrando en hostilidade e violencia, a medida que Eirin intentaba manter unha actitude conciliadora, e poder auxiliar ao resto de compañeires á vez que ficaban amedrentades polo comportamento intolerábel e agresivo do vixiante.

Nun momento dado, ao comprobar que Eirin empregaba termos neutros, que non respondía ao xénero feminino na súa interpelación, ao ver que levaba unha pulseira de tea coa bandeira trans no seu pulso e que en xeral non respondía a uns patrón de expresión de xénero que dende logo concordasen co que o vixiante considerase como respectábel, comeza o agravio.

Dende os primeiros segundos o vixiante alza a súa voz e comeza a berrarlle diante do resto de persoas que estaban na porta de acceso, dun xeito completamente desmedido, cun ton agresivo e totalmente fóra de lugar: “que te calles la boca”, “aquí vas a hacer lo que yo te digo”, “coges la puta maquinita y te callas”, “me da igual de donde vengas aquí mando yo”, “ me la suda quien cojones seas”, “no me toques los huevos, vas a hacer lo que me de la puta gana".

Ás 19 horas da tarde Eirin solicita a presenza do responsable xeral de seguridade, xa que comezaba a sufrir os síntomas dunha crise conversiva, agravada pola exposición prolongada ao sol durante máis de 5 horas, é o estado anímico completamente devastado e sobresaturado polo contexto de violencia, mais para a súa sorpresa, só se presentou un dos coordinadores da empresa contratante, quen lle ofreceu desculpas polo acontecido, mais sen lograr un apercibimento nin por parte da empresa responsábel da seguridade, nin tampouco o auxilio médico requirido.

Hai que salientar que estes feitos saldáronse co ingreso hospitalario de Eirin, polo que aínda está a tratamento.

Manifestación de transfobia

Organizacións como a CIG, Amizando, Avante LGBT+ e Colectivo Agrocuir da Ulloa denuncian que a agresión sufrida é unha manifestación de transfobia, que tanto pode manifestarse de formas máis sutís (complicidade, minimizar o impacto da agresión) como outras claramente discriminatorias, frontais e evidentes para o conxunto de todes (agresión verbal, abuso de poder e encubrimento do respónsabel do acontecido polo único membro da súa empresa presente no momento).

Lembrar que a transfobia é “o conxunto de actitudes e comportamentos que xeran unha discriminación social cara as persoas trans e non binarias, condicionada por un sistema de opresión sustentado na cisnorma e na dicotomía sexo/xénero, que non só se refire a actitudes individuais, xa que constitúe tamén un sistema de marxinalización cara a poboación trans e con xénero disidente nos campos médicos, legais, educativos e laborais”.

Que pode adoptar diferentes formas, incluídas as creencias e actitudes negativas, a aversión e prexuizos contra as personas trans, un rexeitamento irracional, a falta de aceptación ou descarte dos pronomes, do nome co que se sinten identificades ou coa identidade de xénero ou expresión de xénero destas persoas, insultos e linguaxe despectivo, xunto coa intimidación, o abuso e mesmo a violencia.

As persoas de xénero disidente, entre elas as non binarias, sofren insultos, acoso, danos culturais, discriminación social e económica, patoloxización, entre outros tipos de violencia, e están levando a formas de vida marxinadas nun mundo rexido polo propio medo a existir e a constatación da impunidade das agresións sufridas nas súas vidas.

Solicítase unha actuación do Observatorio

As actitudes transfóbicas fan que a poboación trans e non binaria sexan especialmente vulnerábeis a delitos de odio, tanto a nivel social, como no caso das relacións laborais, situacións que se ven agravada por outros factores interseccionais como pode ser neste caso a diversidade funcional.

Por este motivo, as organizacións mencionadas consideran imprescindíbel facer denuncia desta situación, de xeito que se solicite ás empresas relacionadas co evento censuren a actitude do persoal de seguridade, e adopten as medidas que consideren oportunas para evitar que volva a acontecer este tipo de situacións. Neste senso, Avante LGBT+ e a CIG, trasladaran ao Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero estes feitos, solicitando unha actuación do organismo.