A CIG amosa a súa preocupación pola grave situación económica da bodega Virxe das Viñas

A pésima xestión da cooperativa da Rúa fai que teña que presentar ERE
Ourense - 05 Mar 2018

A CIG de Ourense vén de amosar a súa preocupación pola crítica situación económica na que se atopa a cooperativa Virxe das Viñas, adega que elabora viños tan coñecidos no mercado como Rúa ou Pingadelo. Dende a central denuncian que a pésima xestión da xunta directiva levouna a ter que anunciar a súa intención de aplicar un ERE que afectará a todo o cadro de persoal. “Lonxe de solucionar o problema, mesmo vaino agravar porque suporá paralizar a actividade comercial e dinamitar as fontes de ingresos”.

A CIG-Ourense entende que a pésima xestión da directiva aboca a cooperativa á ruína, “o que terá consecuencias moi negativas para os traballadores/es e para os/as cooperativistas, en moitos casos familias que teñen no viño unha parte fundamental do seu sustento e que ven perigar o seu medio de vida”. 

A CIG apela ao diálogo pero non descarta iniciar accións legais

Segundo a central, a responsabilidade da situación non é dos/as cooperativistas, que tamén considera vítimas ao igual que os empregados/os, “senón dunha pésima xestión dun patrimonio tan importante para a vida de moitas persoas”.

Dende a CIG apelan ao diálogo, “ao que nos ofrecemos de forma honesta e construtiva, para, de forma colectiva, encontrar as mellores solucións á presente situación”. En calquera caso, adiantan que permanecerán vixiantes, tanto no plano sindical como no xurídico, dos próximos movementos da directiva.

Neste senso, anuncian que a asesoría xurídica do sindicato xa está a estudar o asunto dende a perspectiva laboral individual e colectiva, “pois non renunciamos a ningunha acción, mesmo penal, en caso de que se evidencien indicios que así o xustifiquen”.