A CIG amplía a súa maioría no comité da Fundación Biomédica Galicia Sur ao lograr 4 dos 5 representantes
A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de gañar de novo as eleccións sindicais na Fundación Biomédica Galicia Sur ao lograr 4 dos 5 representantes que se escollían no comité de empresa. No proceso que tivo lugar hoxe a central sindical sumou unha delegada/o máis que no anterior ao obter 38 votos, por 9 de CCOO e 3 da UGT.
Dende a CIG-Saúde salientan que o amplo respaldo colleitado pola candidatura da central sindical é froito do “intenso traballo” levado a cabo nos últimos catro anos, período no que se constituíu o primeiro comité de empresa da Fundación -dedicada á investigación sanitaria- e no que se conseguiu aprobar o primeiro convenio colectivo das Fundacións de investigación sanitaria do país, que foi respaldado polo conxunto das traballadoras/es.
“Foron catro anos caracterizados por continuas dificultades e enfrontamentos, aos que as empregadas/os souberon dar respaldo nestas eleccións, aumentando o seu apoio a este sindicato cunha significativa diferenza de votos co resto de centrais participantes”, sinalan. E é que a CIG sumou un total de 38 votos, fronte aos 9 que obtivo CCOO (1 delegada/o) e aos 3 da UGT, que non conseguiu representación.
Finalmente, consideran que o resultado obtido no proceso de eleccións sindicais son un “claro reflexo” do traballo realizado nestes anos “e do que as traballadoras/es agardan de nós nos próximos catro”. Precisamente por isto agardan “estar á altura” e adiantan a súa disposición a seguir a loitar pola mellora da condicións laborais do conxunto do persoal da Fundación.