A CIG anima a participar nas accións convocadas pola MMM no Día internacional da Muller pola Paz e o Desarme

Este xoves 24 de maio en Vigo, A Coruña e Ourense
Nacional - 23 Mai 2018

A CIG anima a participar nas accións de rúa convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres para este 24 de maio, Día Internacional da Muller pola Paz e o Desarme, en Vigo, A Coruña e Ourense. Con estas accións quérese amosar a repulsa contra os conflitos armados e denunciar os abusos sufridos polas mulleres de todo o mundo nos conflitos bélicos e nos proceso de paz excluínte.

Lugares e horas das accións:

  • Vigo, ás 18h no Mercado do Calvario
  • A Coruña, ás 19:30h no Obelisco
  • Ourense, ás 20h na Praza do Ferro

Este 24 de maio, Día internacional da Muller pola Paz e o Desarme, dende a Marcha Mundial das Mulleres de Galiza búscase conmemorar a data na que as mulleres visibilizan o significado das palabras militarización, guerra, refuxiadas, explotación dos territorios e paz, dende a perspectiva de xénero.

Especialmente, neste maio de 2018, lembran as Mulleres de Negro en Israel "e berramos contra o masacre do pobo palestino, expulsado do seu territorio e convertido no inimigo a bater, o inimigo a exterminar".