A CIG anima a participar no acto nacional polo 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras
A CIG chama a participar no acto nacional conmemorativo do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, que terá lugar o 12 de agosto en Imo (Dodro). As actividades están promovida por diferentes entidades galegas, entre elas a Fundación Moncho Reboiras constituída pola CIG.
Cando se cumpren 50 anos do asasinato pola policía franquista, en 1975, na cidade de Ferrol, do traballador e activista sindical e político nacionalista, Xosé Ramón Reboiras Noia, a CIG quere manifestar o recoñecemento e a gratitude á súa figura; e renderlle homenaxe pola súa valentía e o seu compromiso militante na loita contra a ditadura franquista, na defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a favor da autoorganización do pobo galego a todos os niveis, especialmente no campo sindical.
Cómpre lembrar que Moncho Reboiras participou activamente na posta en marcha dos primeiros xermolos do que sería o sindicalismo nacionalista galego, sendo, polo tanto, un precursor do que hoxe é a primeira central sindical na Galiza, a CIG, e un referente para toda a afiliación do sindicato.
Por iso, a CIG anima a participar nos actos de homenaxe e conmemoración programados para o 12 de agosto no cemiterio de Imo, no Concello de Dodro.
Ás 12:00 horas (ao pé do viaduto) procederase á reinauguración do mural en homenaxe a Moncho Reboiras. Ás 12:30h farase unha ofrenda floral no cemiterio, que contará coas intervencións de Lois Ríos, Marisa Vázquez e Suso Seixo (ex secretario xeral da CIG e presidente do padroado da Fundación Moncho Reboiras) e a actuación musical de Mini e Sés.
Moncho Reboiras nós non esquecemos. A loita continúa!