A CIG anima o todo o persoal de Extel a secundar as mobilizacións contra a precariedade laboral

O xoves 9 haberá paros de 1 hora e concentracións ás 12 e ás 18 horas
A Coruña - 07 Mai 2019

A CIG chama as traballadoras  e traballadores da plataforma de Extel na Coruña a secundar masivamente o calendario de mobilizacións convocado ao longo deste mes de maio para esixir melloras nas condicións laborais e salariais e o cese inmediato dos despedimentos arbitrarios. As protestas comezarán este xoves, 9 de maio, con paros laborais de unha hora e concentracións diante das oficinas da Extel (Edificio Proa, Matogrande) ás 12:00 horas e ás 18:00 horas.

Para o 16 de maio está convocada unha folga de 24 horas; e para o xoves 23 de maio, repetiranse os paros de unha hora e as concentracións ás 12 e ás 18 horas. O calendario deste mes concluirá o venres 31 de maio cunha nova xornada de folga de 24 horas.

Con estas mobilizacións (convocadas pola sección sindical da CIG, xunto con CCOO e UGT, que conforman a maioría do comité) quérense denunciar os despedimentos arbitrarios; a carga de traballo excesiva baixo presión constante; o impago incorrecto dos incentivos e as mudanzas aleatorias dos criterios para o seu cálculo; a falta de formación; os impedimentos para conciliar a vida laboral e familiar; os cambios constantes de departamento; que se obrigue a atender chamadas e ao tempo facer trámites administrativos; ou que a empresa non cumpra cos acordos asinados.

A precariedade é tal, advirten, que mesmo os postos de traballo non reúnen as condicións hixiénicas axeitadas e incluso os medios materiais  están en mal estado.

Falta de vontade absoluta da empresa por resolver as problemáticas laborais

O desencadenante que levou á maioría da representación social a convocar estas mobilizacións foi a apertura dun expediente disciplinario a unha traballadora, xusto tres días antes de manter unha reunión coa dirección pola que levaban agardando seis meses. Con este proceder, denuncian dende a sección sindical da CIG, a empresa amosa o seu nulo interese tanto por intentar resolver as problemáticas trasladadas polo persoal como por mellorar as relacións laborais.

Para manter dita reunión, o comité esixiu a retirada inmediata do expediente porque "non podíamos seguir falando doutros conflitos cando tiñamos enriba da mesa o posto de traballo dunha compañeira e sen saber o futuro do resto". Finalmente, a xuntanza non se chegou a celebrar porque a empresa se negou a retirar o expediente. Porén, resulta moi significativo que o responsábel enviado por Extel dende Madrid manifestara que só acudía ao centro da Coruña para coñecer o clima laboral, mais non para negociar nin chegar a acordos, xa que, segundo informou, carecía de poder de decisión.

Extel despediu a traballadora 

Para máis abundar, Extel (do sector dos centros de chamadas e que conta con arredor de 600 empregadas/os na plataforma da Coruña) procedía o pasado martes a despedir á traballadora á que lle abrira un expediente "baseado en mentiras e falsos argumentos sen sentido".

Ante estes ataques aos dereitos laborais máis básicos, dende a sección sindical da CIG chaman a todo o persoal dar unha resposta contundente secundando de xeito masivo os paros e as mobilizacións "para que a empresa vexa que non imos tolerar esta escravitude".