A CIG apoia a concentración da ANPA Arco da Vella contra os recortes no CEIP Areouta

Fisterra -

A CIG apoia e chama a participar na concentración que a ANPA Arco da Vella ten convocada para o vindeiro luns, 19 de xuño, ás 11h, para esixir á Consellaría de Educación que manteña as dúas aulas de Primaria no CEIP Areouta no Sardiñeiro (Fisterra), tal e como viña acontecendo até o de agora.

A decisión da consellaría implica agrupar a todo o alumnado de Primaria (17 alumnos e alumnas de 1º a 6º) nunha soa aula, co recorte de docentes que isto conleva e as dificultades para poder impartir un ensino adecuado ás necesidades de cada etapa educativa.

Os peches de centros e o agrupamento de alumnado que está a aplicar a Xunta constitúe un ataque ao dereito a unha educación pública gratuíta e igualitaria, precisamente nun curso, o 2021/2022, que debera ter un efecto de recuperación e reforzo co noso alumnado despois de dous cursos moi complicados por mor da pandemia.

Pola contra, o goberno galego retoma a senda dos recortes e aplica a máxima de que a educación é un gasto e non un investimento, polo que amplía ratios, satura aulas e elimina postos de traballo.

Pero ademais, este tipo de recortes afondan no desmantelamento dos servizos públicos no rural, chocando de plano coa propaganda e as medidas, en teoría destinadas a fixar poboación no ámbito rural, que a propia Xunta está a desenvolver a través doutras consellarías.

Volver