A CIG apoia e chama a participar na concentración convocada pola Delegación Saharauí en Galiza e SOGAPS

O vindeiro xoves día 19 de novembro, ás 18:00 horas na Praza de Praterías en Compostela

Internacional -

A CIG chama a participar na concentración convocada pola Delegación Saharauí en Galiza e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) para este xoves, día 19 de novembro, ás 18:00 horas na Praza de Praterías de Compostela.

SOGAPS e a Delegación Saharauí denuncian que o pasado día 13 de novembro Marrocos violou o Alto ao Lume asinado entre o Reino de Marrocos e a Fronte Polisario en 1991 e que debido a iso, a Fronte Polisario “e en defensa dos seus cidadáns civís que se manifestaban de maneira pacífica no paso ilexítimo do Guerguerat, e da súa Integridade Territorial, viuse obrigado a responder ás violacións Marroquís, dando fin ao Alto ao Lume asinado por ambas partes”.

Logo de 20 anos, nun Proceso de Paz, os Saharauís demostraron, unha confianza total en Nacións Unidas e na Comunidade Internacional.

Confianza que, segundo indican ambas as organizacións, “se vén esgotando dende fai varios anos, ante as repetidas violacións dos DDHH nos Territorios Ocupados do Sáhara Occidental e o non cumprimento dos acordos do Plan de Paz”.

Explican que a Fronte Polisario, como Único e Lexítimo Representante do Pobo Saharauí chama por iso ás Institucións, Partidos Políticos, Asociacións, Sindicatos, Medios de Comunicación, Sociedade Civil que se mobilicen pedindo ao Goberno Español e á ONU unha intervención rápida e decidida, que poña fin á Ocupación Ilegal e ao Expolio dos bens do Territorio do Sáhara Occidental e restitúa os Dereitos arrebatados ao Pobo Saharauí desde o abandono de España á súa Provincia número 53, no ano 75.

“É a única maneira de acabar cun conflito que xa dura demasiado tempo e xera moito sufrimento”, conclúen.

Volver