A CIG apoia e participará na manifestación convocada para mañá en Barcelona en demanda de “Llibertat”

Reclama a liberdade dos presos políticos e rexeita a sentenza do TS
Internacional - 25 Out 2019

A CIG apoia a demanda de “Llibertat” do pobo catalán e participará na manifestación que baixo ese lema está convocada pola ANC, Omnium Cultural, organizacións políticas, sociais e sindicais, tanto catalás como de fora de Catalunya, entre elas a propia CIG, para mañá sábado en Barcelona.

 

A CIG reitera o seu rexeitamento á sentenza do Tribunal Supremo que, tras dun xuízo farsa, ratificou unhas condenas durísimas de cárcere contra os presos políticos; reclama a súa posta en liberdade; denuncia a represión policial e a vulneración flagrante dos dereitos e liberdades do pobo catalán; demanda o respecto polas persoas e institucións que  democraticamente elixiron e o recoñecemento do dereito a decidir sobre o seu futuro.

Denuncia a construción, por parte da maquinaria mediática a servizo do Estado español, dun relatorio falso, tratando os feitos xulgados como un delito, e querendo asocialo a capítulos de violencia e até “terrorismo”. Este foi un xuízo político, cunha sentenza que pretende impedir o exercicio das liberdades, impondo castigos exemplares ás persoas que non fixeron outra cousa que pór en marcha os programas de goberno polos que foron electas.

Rexeita a construción, durante o xuízo, dun relato de violencia o 1 de outubro de 2017 que contradí a realidade do que en persoa vimos moita xente que alí estabamos: un pobo que só reclamaba o dereito a votar, de xeito pacífico, ordenado, e até festivo. Reclamar o dereito a votar non é delito, e reclamar o dereito de autodeterminación, tampouco.

A Constitución non pode furtar un dereito recoñecido internacionalmente e reclamado por vías pacíficas e democráticas. O estado español segue empeñado en resolver un problema político pola vía xudicial e represiva e compórtase de maneira hostil contra os dereitos nacionais de Catalunya, Galiza e Euskal Herria, adoptando actitudes coloniais e de absoluta falla de respecto contra as súas culturas e as súas linguas. Unha institución tan pouco democrática como a coroa xoga un papel fundamental neste aspecto e a maior parte do espectro político español está, en maior ou menor medida, pregado a este sistema centralista.

A sentenza crea ademais un precedente moi grave contra os dereitos civís:  criminaliza a protesta, a liberdade de expresión e a mobilización social organizada e pon máis en risco os dereitos e as liberdades porque en diante, calquera folga, calquera piquete, calquera acto de protesta pode ser interpretado como un delito de sedición.

Os casos dos mozos de Alsasua, dos independentistas galegos e de moitos/as compañeiros/as da CIG que están a ser xulgados actualmente pola súa participación en xornadas de folga e mobilizacións, van nesta liña.