A CIG aposta pola mobilización para recuperar dereitos laborais e salariais na negociación colectiva para 2018

Oponse ao “vergoñento” acordo de incremento do SMI asinado por PP, UGT, CCOO e patronal
Nacional - 21 Dec 2017

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, compareceron esta mañá en rolda de prensa para presentar as propostas da central sindical en materia de negociación colectiva para 2018. Unha comparecencia na que manifestaron a oposición da CIG ao “vergoñento” acordo asinado co PP, por CCOO, UGT e a patronal para incrementar o SMI.

Para a CIG a negociación colectiva é o principal instrumento co que conta a clase traballadora para facer fronte ás políticas neoliberais que, so pretexto da crise, veñen aplicándose desde hai oito anos. Así o explicou a secretario xeral, quen asegurou que a central sindical aposta pola mobilización para defender a recuperación dos dereitos perdidos durante todo este período.

Oito anos nos que lembrou que tanto os salarios como as condicións laborais sufriron un grave deterioro provocando un medre da desigualdade, da precariedade e da pobreza na clase traballadora.

Falsos autónomos

Para demostralo, Carril fixo unha radiografía da situación actual. Denunciou a perda de poboación activa en 2016; que temos 153.000 mozos/as menos en Galiza desde que se iniciou a crise; que o número de empregos perdidos nos últimos oito anos supera os 160.000 postos de traballo e que isto afectou, sobre todo, a menores de 34 anos, entre os que a caída do emprego foi de 150.000 persoas.

Denunciou ademais que o 13,6% da poboación ocupada está xa en modalidade de contratación a tempo parcial e que o 35% dos contratos, no último ano, son dunha semana de duración.

Xunto a isto apuntou que, segundo a EPA, en 2106 houbo un incremento da ocupación que se produciu xusto “nos sectores paradigma da explotación laboral e das novas realidades de precariedade que existen no mundo do traballo, como os falsos autónomos”.

Un colectivo que se incrementou nun 8,2% e que denunciou que “son traballadores/as por conta allea aos que se lles obriga a converterse en autónomos, pero non para mellorar a súa calidade de vida, senón para deteriorar as súas condicións salariais e de traballo e para que sexan máis submisos á hora de aceptar o que lle marquen as direccións das empresas”.

Empobrecemento e precariedade

O secretario xeral da CIG sinalou tamén que mentres o peso das rendas do traballo no PIB galego descenderon un 3,4%, as rendas do capital incrementaron o seu peso nun 1,5%. Isto parello a un incremento da presión fiscal sobre a poboación asalariada nos impostos directos dun 2% e “dunha forma incalculábel” nos impostos indirectos.

Canda isto considerou alarmante a cifra de 185.000 persoas con ingresos brutos inferiores á metade do SMI e cuns ingresos medios de 1.862€ ao ano. “Aumenta, polo tanto a desigualdade”, afirmou, porque o colectivo de traballadores/as que ingresan menos da metade do SMI é do 18,1% e o colectivo que non alcanza ingresos anuais iguais ao SMI é dun case 31% do total.

Acordo “vergoñento” de incremento do SMI

Por iso manifestou a rotunda oposición da CIG ao acordo ao se chegou entre o PP “vergoñentamente asinado por UGT, CCOO e a patronal” para o incremento do SMI, porque “consolida a realidade que estamos a describir que é máis no caso galego, onde os salarios están un 15% por baixo da media do Estado”.

Carril denunciou que este acordo incumpre o acadado no Congreso segundo o que, no ano 2020, o Salario Mínimo Interprofesional se situaría nos 950€ porque prevé, para 2018, 736 € pero que até 2020 non sería de 850€.

Máis grave aínda considerou o feito de que os incrementos se condicionan a que o PIB do Estado español sexa superior ao 2,5 e que haxa unha media de 459.000 novos cotizantes á Seguridade Social.

A este respecto lembrou a disparidade que se constata nos datos mensuais de paro rexistrado e as altas na Seguridade Social, que atribuíu ao feito de que se trata de contratos que duran horas, días ou semanas. Por iso afirmou que “pactar un SMI nestas condicións o que fai é que a pobreza vaia en aumento e se cronifique cada vez máis”.

A CIG demanda que o SMI se sitúe nos 857€ e que desapareza o IPREM

Xunto a isto sinalou que as cantidades pactadas están lonxe do 60% do salario medio que indica a Carta Social Europea -que a CIG leva anos demandando- e que, para que se cumprira, tería que situar o SMI en 857€ sen máis demora.

Esa foi, precisamente, a cantidade que demandou, xunto a inmediata desaparición do IPREM, que está nos 537€, como indicador de referencia absoluta para calquera tipo de prestación ou axuda pública, porque “o que fai é deteriorar aínda máis as condicións de vida e o acceso a unhas rendas públicas mínimas”.

Por iso defendeu darlle a volta a esta preocupante situación laboral a través da negociación colectiva e un Marco Galego de Relacións Laborais como “instrumento vital para facer fronte a toda esta situación, poñendo en valor os convenios sectoriais e provinciais galegos”.

Proposta de negociación colectiva

O secretario confederal de Negociación Colectiva denunciou que a centralización da negociación colectiva resta capacidade á clase traballadora galega para defender os seus dereitos en Galiza. Sinalou que as reformas de PP e PSOE están facendo prevalecer os convenios estatais e de empresa por riba dos convenios de sector e autonómicos e levando ao empobrecemento das traballadoras e traballadores galegos”.

Indicou que a media de incremento salarial dos convenios, a data de novembro de 2017, foi do 1,5%, 2 décimas por debaixo do IPC do Estado español e 3 por debaixo do IPC galego, que está no 1,8. Por iso avanzou que a CIG defende, para 2018, incrementos salariais de arredor do 3%, como norma xeral, nunha contía duns 600€ brutos anuais.

Xunto a isto anunciou que a CIG defenderá a inclusión da cláusula de garantía salarial, como algo irrenunciábel, en todos os convenios, xa que só a contemplan o 25%; darlle un pulo aos convenios que teñen as patronais disoltas, ben porque desapareceron, ben porque, de forma implícita, decidiron desaparecer “porque lles favorecía fuxir do marco galego e provincial e pasarse ao estatal. Isto fai que moitos traballadores/as non teñan un convenio desde hai moitos anos e que sexan os que se teñen que rexer polo SMI, sen incrementos”.

Control de xornada

A central sindical loitará ademais por conseguir o control efectivo da xornada laboral para evitar as fraudes na contratación, á Seguridade Social e a Facenda, sobre todo nas xornadas a tempo parcial, onde “moitos traballadores/as con contratos de catro horas logo traballan oito sen que se rexistren”, explicou Sío.

Defenderá a prohibición das duplas escalas salariais, estendidas no sector da automoción, onde o persoal eventual ten salarios de até o 40% por debaixo dos do cadro de persoal fixo; o control das ETTs e da subcontratación no que ten que ver coas condicións laborais e salariais, onde se debe garantir que nunca sexan inferiores ás condicións do sector e a obriga de subrogación nos convenios, pola cantidade de servizos externalizados polas empresas principais que está medrando cada vez máis. “Debemos controlar a subrogación para que iso non sexa motivo de máis precarización”.

Pularase tamén por incluír nos convenios as quendas de fin de semana, que deberían incluír sábados, domingos, festivos e mesmo pontes, para que o colectivo de persoas desempregadas poida acceder ao posto de traballo ao eliminarse as horas extras; pola restrición de contratos a tempo parcial, o aumento de fixos nos cadros de persoal e o control dos eventuais.

Francisco González Sío denunciou tamén as novas formas de explotación que escapan do control da CIG, como os falsos autónomos, que “a Xunta e o Estado están subvencionando” e que teñen condicións do século XIX, porque “non se rexen por ningún convenio colectivo e, nin sequera, teñen dereito a baixa”.

Mais tamén denunciou as empresas multiservizos, onde as condicións laborais son moi precarias, con traballadores/as contratados por 2, 3 ou 4 horas, sen ningún tipo de control e os centros especiais de emprego, que teñen esas mesmas condicións laborais, co agravante de que empregan a persoas discapacitadas, “utilizando as necesidades das persoas para que traballen nestes centros con convenios de mínimos que se rexen polo Estatuto de Traballadores/as e polo SMI”.