A CIG aposta por continuar coas mobilizacións para impedir os despedimentos e a precarización no BBVA

Os pasos dados polo banco só foron posíbeis pola resposta masiva do persoal ás folgas e protestas

Nacional -

A CIG aposta por continuar coas mobilizacións e as medidas de presión para conseguir que o BBVA retire de enriba da mesa a proposta de despedimentos e de precarización das condicións laborais. A sección sindical da CIG reitera que non existen causas para este ERE cando a empresa obtivo beneficios mil millonarios e cando se está pedindo ao persoal que incremente a súa xornada de traballo.

A sección sindical da CIG subliña que foi a mobilización dos traballadores e das traballadoras e a resposta masiva ás convocatorias de folga a que obrigou o banco a presentar unha proposta de redución do impacto dos expedientes, con recolocacións, minorando os peches previstos e ofertar certas melloras económicas.

Porén, advirten que "aínda que pareza que o banco está a dar pasos importantes, a realidade é que o esforzo que intentan vendernos é mínimo". Por iso, a CIG chama a manter e intensificar as accións de protesta para conseguir que a entidade acepte as alternativas sindicais "que non implican despedir, despedir e despedir".

Neste senso, e ante a prórroga do período de consultas, o secretario da sección sindical, Miguel Fernández, subliña que a CIG nunca asinará un acordo coas premisas das que parte o BBVA: executar despedimentos forzosos do 50% do total para as persoas menores de 50 anos, reservándose a empresa a decisión de quen marchan e quen queda en base ao criterio subxectivo de avaliación dos últimos dous anos (que só coñece o banco).

"A pesar da 'volta' que lle van dar á cláusula de 'equilibro xeracional', non a retiraron aínda. Iso significa que, ao contrario do que vimos reivindicando, non habería unha voluntariedade total, porque o banco sempre tería a última palabra", explica Fernández. Ademais, a empresa mantén a afectación da mobilidade xeográfica para 11.244 persoas.

Proceso de saídas voluntarias

Fronte a isto, Fernández reclama que, se hai un excedente de persoal, se acorde un proceso de saídas seguindo un criterio de voluntariedade real, promovendo a saída, voluntaria e primada, do persoal  de maior idade, nomeadamente do maior de 60 anos, para garantir os postos de traballo do persoal con menos de 50 anos. Así mesmo, que se garanta o 85% do salario bruto con cotización, en cada caso, até a idade de xubilación anticipada e actualizando as bases co IPC.

No relativo á mobilidade xeográfica, a CIG esixe que se cumpra o convenio colectivo e se publiquen as vacantes. "Non ten sentido aplicar mobilidade forzosa sen tentar cubrir con persoas voluntarias", valora Fernández, quen apunta que hai que establecer unha "cláusula antiabuso" para que mentres se execute o proceso de redución de persoal, a dirección non poida cobrar ningún tipo de variábel.

Porén, o BBVA non quixo tomar en consideración ningunha destas propostas na mesa de negociación, moito menos a da retirada do ERE, teimando en executar os despedimentos forzosos.

"Este ERE non ten xustificación, só busca incrementar os beneficios, por iso temos que seguir mobilizándonos e dándolle cumprida resposta a todas estas agresións do banco contra o persoal", conclúe Fernández.

Volver