A CIG aposta por recuperar dereitos e salario no novo convenio de seguridade privada
A CIG trasladaralle á mesa de negociación do convenio estatal de seguridade privada prevista para este venres día 10 unha plataforma na que aposta por recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos e por unha suba salarial digna.
Dende a central sindical explican que as conversas iniciáronse o pasado 23 setembro por iniciativa da patronal co obxectivo de pactar un novo acordo para 2027 en diante, xa que o actual convenio aínda remata para 2026. “Pero o empresariado manifesta necesidade de comezar a negociar con tanta antelación polos problemas da escaseza de man de obra; pola lei de desindexación, que non permite a actualización de prezos nos contratos públicos; e ante unha posíbel redución de xornada.
As subas do SMI puxeron de manifesto a precariedade económica que sofre o sector, xa que moitas categorías teñen que actualizar os salarios por este motivo
De xeito que o pasado 3 de outubro tivo lugar a segunda xuntanza da mesa, na que patronal volveu a incidir sobre estes temas, ademais da abordar a problemática do absentismo no sector e do complemento de IT “xunto coa carga impositiva que lle obriga o Estado nas relacións laborais”. Ademais puxeron de manifesto a problemática existente no transporte de fondos e coa xornada garantida.
O seguinte encontro está fixado para este venres día 10, no que a CIG presentará a súa plataforma cunha serie de propostas orientadas a recuperar os dereitos recortados nas negociacións dos convenios anteriores e a incluír un incremento de soldos que permita compensar a perda de poder adquisitivo. “E necesario dar un salto cuantitativo importante neste senso, porque as subas do SMI puxeron de manifesto a precariedade económica que sofre este sector, xa que moitas categorías teñen que actualizar os salarios por este motivo”, sinalan dende a CIG.
Ademais, apostan por unha equiparación á alza do plus de perigosidade, “xa que supón unha grave discriminación que se debe de corrixir”. De igual xeito, entenden que a redución da xornada ten que ser unha prioridade “para un sector que ten unha difícil conciliación, que traballa a quendas, fins de semana e festivos, sen contraprestacións adecuadas ao esforzo e sacrificio realizado”.
Principais propostas
A CIG vai reclamar que o convenio teña unha vixencia de dous anos, con cláusula de ultraactividade e revisión salarial. Que incorpore novos pluses (DESA, utilización de vehículo, idiomas, turnicidade, novas tecnoloxías). E con complementos de antigüidade revalorizábeis. Tamén a equiparación, á alza, do plus de perigosidade consolidado para todos os vixiantes de seguridade durante a vixencia do convenio. Que os pluses de traballo nocturno e de de fin de semana e festivos teñan un valor do 25% do prezo de hora ordinaria. E que o plus de fin de semana e festivos se amplíe aos grupos funcionais de persoal operativo B), non habilitados, persoal mecánica-electrónica, oficios varios e subalterno. Así como a recuperación en 15 pagas dos pluses de vestiario e transporte.
Outras propostas pasan por un incremento de soldos do 8% en cada un dos anos de vixencia en todos os conceptos salariais, e que naquelas categorías nas que o salario base sexa inferior ao SMI terase que respectar este como salario base. A modificación do artigo 55 de descanso anual compensatorio, pasando de 96 a 110 días.
Polo complemento do 100% en calquera dos supostos de IT, pola redución da xornada a 1568 horas anuais, a razón de 35 horas semanais con nova redacción do artigo 52, pola ampliación de permisos en días laborábeis das licenzas por hospitalización, enfermidade grave ou intervención cirúrxica. Tres días de asuntos propios remunerados. Licenza para acompañamento de crianzas menores de 12 anos a consultorio médico e para acompañamento de cónxuxe a exames prenatais e técnicas de preparación do parto.
Finalmente, demándase un compromiso para iniciar a negociación dun convenio galego de seguridade privada.