A CIG quere un convenio de seguridade privada que recupere dereitos e dignifique o sector

Aposta por aumentos salariais e avances sociais para rematar coa elevada precariedade
Nacional - 17 Set 2020

A CIG-Servizos aposta por que o convenio estatal de seguridade privada, cuxa mesa de negociación vén de constituírse, incorpore melloras salariais e sociais e teña como principal obxectivo a dignificación dun sector caracterizado polos altos niveis de precariedade.

A mesa negociadora, que botou a andar o pasado 9 de setembro, mantivo onte unha xuntanza na que as patronais APROSER e ASECOPS expuxeron que debido ao actual contexto de incerteza económica non vén posíbel abrir unha negociación “normal” até cando menos o primeiro semestre de 2021. 

A CIG considera que o actual contexto económico non pode xustificar unha nova perda de dereitos 

Pola parte social, a UGT, CCOO e USO fixeron unha declaración de intencións en canto á necesidade dun novo convenio, pero aínda non achegaron ningunha proposta. Pola súa banda, a central vasca ELA manifestou que o ámbito estatal non é o seu ámbito de negociación e incidiu na necesidade de negociar un convenio no seu territorio.

En representación da CIG participou o responsábel de Organización da federación de Servizos, Pedro Pérez, quen aclarou que o contexto económico actual non pode xustificar unha nova perda de dereitos “como sucedeu nas anteriores crises e que non se recuperaron até o momento”. Por iso indicou que esta negociación debe de servir para recuperar os dereitos “deixados no camiño” nas últimas negociacións.

En consecuencia, a plataforma achegada pola CIG baséase en tres alicerces fundamentais: recuperación económica, avance no social abandonando a precariedade actual e dignificación dun sector cada vez máis formado, diversificado e profesionalizado, adecuándose ás realidades cambiantes da actualidade.

“Entendemos que este é o camiño que debemos percorrer, avanzado cara a un convenio que teña en conta novos pluses adecuados á realidade actual, xa que a profesionalización do sector non se ve plasmada na remuneración económica que perciben os traballadores/as. Ademais entendemos que é o momento da equiparación á alza do plus de perigosidade, xa que isto supón unha grave discriminación que se debe de corrixir”.

Outra das prioridades é a diminución da xornada anual, xa que neste sector os salarios non se corresponden coa realidade do traballo e as funcións que desenvolve o persoal. “A suba do SMI puxo de manifesto a precariedade económica que sofre o sector, no que moitas categorías teñen que actualizar os salarios por este motivo”.

Propostas da CIG para o convenio de seguridade privada 

• Vixencia: dous anos con cláusula de ultraactividade con revisión salarial.

• Incremento de porcentaxes na estabilidade do emprego con cómputos provinciais para unha maior fiscalización e control no seu cumprimento.

• Nova redacción do artigo 25 sobre o recoñecemento médico.

• Promoción automática dos niveis funcionais de oficiais.

• Nova redacción do artigo 36 de mobilidade funcional e 37 escalafóns, ascensos e provisión de vacantes.

• Creación de novos pluses (Desa, Utilización de vehículo e Idiomas,) para adaptarse á nova realidade, esixíndose unha maior profesionalización e formación, tendo isto que ser compensado.

• Complementos de antigüidade revalorizables.

• Equiparación á alza do plus de perigo dos Vixilantes de seguridade de Vixilancia na vixencia deste convenio.

• Plus de traballo nocturno e plus de fin de semana e festivos, do 25% do valor de hora ordinaria sobre o salario base por 15 pagas, respectivamente. O de fin de semana e festivos amplíase aos grupos funcionais de Persoal Operativo B) Non habilitados, Persoal Mecánica-electrónica, Oficios varios e Subalterno.

• Nova redacción e contía dos pluses de Nadal, fin de ano e ano novo.

• Recuperación en quince pagas dos pluses de Vestiarios e Transporte.

• Incremento salarial do 4,5% en cada un dos anos de vixencia en todos os conceptos salariais, agás os expresados especificamente na proposta entregada. Naquelas categorías que o salario basee sexa inferior ao SMI terase que respectar este como salario basee.

• Novas contías nas coberturas da póliza de responsabilidade civil e axudas a fillos/as e cónxuxe con discapacidade.

• Complemento do 100% en calquera dos supostos de IT.

• Redución da xornada a 1760 horas anuais, a razón de 160 mensuais con nova redacción.

• Co ánimo de reducir a realización de horas extras no sector, estas terán unha recarga do 75% en cando se realicen de luns a venres, e do 150% a realizadas en fin de semana, festivos e en período nocturno.

• Ampliación de licenzas por hospitalización, enfermidade grave ou intervención cirúrxica. Tres días de asuntos propios remunerados. Licenza para acompañamento de fillos/as menores de 12 anos a consultorio médico, e para acompañamento de cónxuxe a exames prenatais e técnicas de preparación do parto.

• Modificación da redacción do articulo 58 sobre o lugar de traballo.

• Creación dun fondo de pensións.

• Compromiso de negociación dun convenio galego.