A CIG aposta por unha Galiza libre de eólica mariña ante o risco que supón para a actividade pesqueira e os ecosistemas mariños

Nacional - 28 Feb 2023

A CIG considera a aprobación dos POEM polo Consello de Ministras e Ministros un novo ataque ao sector pesqueiro e ás capacidades produtivas de Galiza. A CIG entende que estes plans de ordenación do mar, tal e como están concibidos, constitúen un retroceso, xa que non son compatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños.

Por iso, a central nacionalista aposta por unha Galiza libre de eólica mariña ante o risco que significa para a continuidade da actividade pesqueira e o limitado coñecemento científico que existe a día de hoxe sobre a afectación que estas instalacións teñen nos ecosistemas mariños. Máis aínda se temos en conta que as zonas prioritarias e potenciais deseñadas inicialmente polo Ministerio de Transición Ecolóxica para as instalacións eólicas se sitúan en caladoiros de pesca ou en corredores ecolóxicos de migración de cetáceos e de aves mariñas.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que "un modelo enerxético sustentábel non pode poñer en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación, non garantir que non existan repercusións negativas de carácter ambiental e ecolóxico, nin supor un prexuízo económico e social irreversíbel".

No seu momento, a CIG fixo alegacións ao trámite de audiencia que abriu o MITECO, apostando, entre outras cuestións, pola necesaria constitución dun organismo interministerial e con asesoramento do CSIC, que se encargara de emitir un informe previo vinculante sobre a idoneidade dos espazos mariños para o desenvolvemento destas industrias enerxéticas sen interferir nin nos ecosistemas nin na actividade pesqueira, cun peso especial en Galiza.  Porén, lonxe de respectar estes principios de precaución, o marco normativo entende a eólica mariña como un fin en si propio.

Produción intensiva e centralizada

A CIG denuncia, máis unha vez, que a transición que se nos está a impor non responde aos principios dunha transición ecolóxica e xusta, nin arranxa os defectos estruturais do actual sistema enerxético, apostándose pola produción intensiva e centralizada da enerxía, por manter os beneficios do lobby enerxético e por primar o interese privado sobre o público, os intereses particulares  sobre  os do pobo. "As grandes corporacións empresariais son as que planifican e deciden, valéndose de inxentes recursos públicos, limitándose os Gobernos a executar unha transición enerxética, cada vez máis inxusta social e territorialmente", critica Carril.

A este respecto lembra que Galiza, desde hai décadas, desempeña por imposición política de Madrid, un papel de subministrador de enerxía eléctrica para o resto do Estado español e agora está  sometida a un novo e intenso proceso de colonización enerxética que, se no franquismo destruíu os ríos, agora vai polas terras, os montes e o mar. "Levamos décadas padecendo e comprobando as mentiras sobre a creación de postos de traballo asociados a esta colonización enerxética nos territorios afectados, cando a realidade é pobreza enerxética, emigración por falta de emprego e  comarcas enteiras do noso país camiño da desertización social e industrial", engade o secretario xeral da CIG.

Galiza xa acadou os obxectivos previstos para 2030

Galiza xa acadou os obxectivos da UE e do Estado español en materia de xeración eléctrica renovábel para 2030, exportando arredor do 30% da electricidade que produce. Unha produción destinada a satisfacer a demanda de territorios libres de instalacións eólicas e grandes consumidores do Estado, como Madrid.

Porén, a pesar dos graves e  importantes custos sociais e ambientais, Galiza non tirou ningún proveito desta actividade económica, e seguimos sen poder contar cunha tarifa eléctrica galega, unha tarifa máis baixa, que garanta unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo.

Fronte a isto, a CIG entende que cómpre mobilizarse para conseguir unha Galiza libre de eólica mariña  e  para reclamar un modelo enerxético realmente xusto e sustentábel, que entenda a enerxía como un dereito fundamental da sociedade e dos pobos para ter unha vida digna,  que poña o interese social, o ben público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación.