A CIG aproveitará o Día da Saúde Laboral para esixir asunción de responsabilidades polo asasinato no SAF do Porriño

Convoca unha concentración diante do Concello este martes 28 ás 11:30 horas
O Porriño - 24 Abr 2026

A CIG aproveitará a celebración do vindeiro martes 28 de abril do Día Mundial da Saúde Laboral para denunciar a falta de asunción de responsabilidades tras o asasinato o pasado verán dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Porriño, convocando unha concentración diante do Concello ás 11:30 horas para rexeitar as políticas que deterioran as condicións laborais e provocan un incremento significativo da sinistralidade.

Dende a central sindical lembran que nin a Xunta nin a empresa concesionaria do SAF da localidade tomaron ningún tipo de medida previa para evitar unha situación de acoso que rematou coa morte da empregada. E o que é aínda máis grave: a pesar do acontecido, na actualidade seguen sen existir medidas de prevención de riscos laborais para as traballadoras da atención a domicilio. 

A central quere alertar sobre as políticas que deterioran as condicións laborais e provocan un incremento da sinistralidade

Ao esmo tempo, a CIG quere poñer o fico sobre o feito de que Galiza lidera o índice de incidencia de accidentes graves e mortais no conxunto do Estado, sendo onde se rexistran os niveis máis altos de sinistralidade laboral grave. “Aínda esta semana morreu por falta de medidas de prevención un traballador mentres exercía os seus labores como forestal en Covelo”, lamentan.

Polo que a central sindical desenvolverá unha concentración diante do Concello do Porriño para esixir das empresas e das administracións medidas urxentes de protección da saúde laboral para garantir “un traballo digno e seguro”.